Opinión

Propaganda comercial ou as catro mentiras do BOE deste sábado

Saca o peito o goberno aprobando o Real Decreto Lei número 19 deste corto ano mostrando que nin vai ir ao Parlamento para debater democráticamente as normas, nin ten pensado deixar de recorrer á propaganda que tape a súa ineficacia ou renunciar á liberalización e centralización como signos distintivos da súa (in)acción de goberno.


Saca o peito o goberno aprobando o Real Decreto Lei número 19 deste corto ano mostrando que nin vai ir ao Parlamento para debater democráticamente as normas, nin ten pensado deixar de recorrer á propaganda que tape a súa ineficacia ou renunciar á liberalización e centralización como signos distintivos da súa (in)acción de goberno. Catro mentiras agóchanse no RDL 19/2012 de liberalización do comercio.

Mentira 1ª: A mellora

A substitución de autorizacións administrativas por comunicacións previas ou declaracións responsables implica que os operadores que queren abrir un comercio ou actividade de servizos poden iniciar a súa actividade sen máis trámite que unha comunicación ao concello de que cumplen a normativa. As implicacións deste cambio, que xa introducía a Lei de Economía Sostible, son que a comprobación do cumprimento da normativa (ruidos, control sanitario, seguridade para os usuarios...) só pode realizarse a través de inspeccións a posteriori. Isto non beneficia aos usuarios, aos operadores, nin aos concellos.

Aos usuarios a intervención administrativa de comprobación previa que se realizaba no procedemento de autorización permitía garantirlles de xeito preventivo que as medidas de protección dos seus dereitos –lingüísticos, ambientais, de seguridade industrial e alimentar etc.- se aseguraban no proxecto de actividade sen ter que activar denuncias cando percibiran problemas.


Aos operadores estas comprobacións administrativas preventivas facilitáballes corrixir eivas antes da apertura evitando a posible clausura do local pola detección de incumprimentos normativos a través de inspeccións cando xa a actividade está funcionando cos conseguintes gastos suplementarios que pode provocar (ex. novas obras para insonorizar axeitadamente, cambios na rotulación...), e incluso a devolución de axudas. A autorización aportaba, en definitiva, seguridade xurídica e mesmo a posibilidade de reclamar responsabilidade á Administración se a actividade tiña problemas por decisións avaladas pola Administración na súa autorización. Agora o empresario é totalmente responsable polos seus incumprimentos e a reclamación de responsabilidades desplázase ao ámbito privado.

Aos concellos este cambio normativo cólleos sen ter feito cambios relevantes no seu cadro de persoal. Sobra persoal para tramitar procedementos de autorización e falta, clamorosamente, persoal de inspección. Desregúlase ademáis o sector do comercio e os servizos sen unha estrutura de vixianza acaída. Ninguén comprobará xa que se cumplen as normas antes de botar a andar a actividade ao desaparecer as autorizacións e, probablemente, non o fará tampouco cando estea funcionando por carecer de inspectores cualificados. Os dereitos dos consumidores serán os máis perxudicados neste tránsito impulsivo e sen adaptación das estruturas administrativas.

Por outra banda, a modificación que pretende salvar a perda dos recursos económicos por licenzas que tiñan os entes locais é tamén un suicidio orzamentario para os concellos. Habilítase unha nova fonte de ingresos substitutiva que sería o cobro por inspeccións que presenta dous problemas relevantes. En primeiro lugar, non será xeralizada e por tanto os ingresos reduciranse. Se todos os negocios tiñan que ter licencia de apertura, non todos serán obxecto de inspección. En segundo lugar, resulta difícil coñecendo a cultura en relación co ben público que hai neste país implementar unha medida de “corrección”, a inspección, e por riba cobrar por ela, especialmente nos concellos máis pequenos e para actividades con menos impacto.

Mentira 2ª: A novidade

O RDL non fai máis que reproducir o xa aprobado hai xa un ano polo goberno Zapatero ,que xa ofrecera nos altares da reunión do G-8 de Seul en novembro de 2010 a liberalización do comercio como unha das medidas anti-crise que ían sandar a economía española. A Lei de Economía Sostible contén as dúas principais liñas de actuación que volve a repetir o RDL: substitución de autorizacións por comunicacións previas para a apertura de negocios e intento de solucionar a merma de ingresos locais con pequenos parches. Nun evidente abuso da propaganda, ou nunha mostra de incompetencia dos servizos xurídicos ás ordes da Vicepresidenta, inauguran unha nova fórmula xurídica digna de estudo: a confirmación das normas por outras posteriores. Por se os esforzados operadores xurídicos ou os sufridos cidadáns non son quen de estar ao tanto da morea de normas que se aproban, re-apróbanse.

Tan só tres elementos de novidade salientable en plena sintonía coas liñas forza da política gubernamental. Elimínase a posibilidade de manter autorizacións nestes sectores por razóns de protección do medio ambiente, a seguridade pública e a saude (tan só a protección do patrimonio histórico xustificaría o mantemento de licenzas municipais). Pásase por enriba das competencias autonómicas en materia de comercio indicando futuras actuacións do goberno central para promover ordenanzas tipo e formularios estándar. Garántese un novo ámbito de privatización de funcións públicas habilitando a entidades privadas de inspección para que poidan realizar as funcións de comprobación que hoxe se realizan no ámbito público.

Mentira 3ª: A necesidade.

Como nos lembra o sector o RDL anula o que xa non existe. Os datos do INE en relación co comercio nos últimos anos son indicativos de que o problema do sector comercial e de servizos non son as cargas administrativas. Desde que se adoptaron as primeiras medidas para a transposición da Directiva de Servizos, coñecida como Directiva Bolkestein, das que estas medidas non son máis que unha parte do paquete que inauguraron as Leis 17/2009 e 25/2009 e continuou a Lei de Economía Sostible en 2011, o certo é que o INE ven rexistrando datos de caída nas vendas do comercio minorista e aumento nas grandes cadeas. En definitiva, aplicándose xa as medidas que repite o RDL 19/2012 o pequeno comercio ao que se dirixía a redución de trámites administrativos sofre de forma moito máis acusada a ralentización da actividade económica.

Isto ten moito que ver coa liberalización máis xeneralizada no sector comercial que está levando a unha expansión acusada das grandes superficies comerciais, con liberdade absoluta de horarios en comunidades como Madrid, nun modelo suicida de sociedade tanto para os dereitos dos consumidores –vellos, persoas con mobilidade reducida e outros colectivos que só utilizan o comercio de proximidade-; para os produtores, pola perda de ingresos derivada das agresivas estratexias de negocio da grande distribución comercial; e para o conxunto da cidadanía que ve desaparecer o tecido comercial tradicional, a diversidade, aumentando o deterioro urbanístico e a inseguridade nos centros das vilas.

Mentira 4ª: A urxencia.

A democracia ocasional que practica o goberno do PP con esporádicas visitas ás cámaras parlamentares para escapar polas portas de atrás repite a fuxida dos venres co enésimo Real Decreto Lei. Unha vez máis evita o debate parlamentar o Goberno Rajoy aprobando un Real Decreto Lei, norma por razóns de extraordinaria e urxente necesidade, que agora paradóxicamente reitera o xa regulado pola Lei de Economía Sostible aprobada hai un ano (hai un par de semanas aprobábase outro no que a urxencia, prospectiva, viña de anticiparse a unha hipotética sequía).

Comentarios