Opinión

Prohibido enfermar en Lugo

O dereito á saúde é un dereito humano elemental. Sen nel non é posíbel falarmos con rigor de Estados sociais e de dereito nin de democracias minimamente avanzadas.

O dereito á saúde é un dereito humano elemental. Sen nel non é posíbel falarmos con rigor de Estados sociais e de dereito nin de democracias minimamente avanzadas. Pois ben, o dereito á saúde está moi lonxe de estar garantido en Lugo. As cidadás e os cidadáns desa provincia receben peores prestacións do que o resto de galegas e galegos se enferman de doenzas tan graves como o cancro ou as cardíacas. Esa discriminación pode resultar, e de feito resulta, na perda de vidas humanas. 

A reportaxe que asina Olalla Rodil neste número 142 de Sermos Galiza ofrece algúns testemuños verdadeiramente estarrecedores de como teñen de vivir os seus tratamentos doentes de enfermidades graves de Lugo, quer das áreas urbanas quer das rurais. E todo isto ten un clarísimo responsábel político, o goberno galego, por unha neglixente xestión que, após millenta mentiras e promesas incumpridas, ten deixado o Hospital de Lugo, o HULA, sen a cobertura de 24 horas de servizos tan básicos como a hemodinámica ou a radioterapia.

Especialmente grave é o feito de as e os doentes de cancro estaren a ser desviadas a unha clínica privada na Coruña

Especialmente grave é o feito de as e os doentes de cancro estaren a ser desviadas a unha clínica privada na Coruña. É indignante que se faga negocio a costa da saúde das persoas e tamén é un claro síntoma que delata cales son as prioridades das políticas do PP nesta materia: non é o reforzamento da sanidade pública, senón a privatización de servizos esenciais e o favorecemento económico de intereses particulares.

E que dicirmos dos dirixentes do Partido Popular en Lugo? Con moi escasas excepcións, entre defender a xente da súa provincia e obedecer as ordes de Feijóo -que se empecina en manter no seu cargo unha conselleira, Rocío Mosquera, absolutamente carbonizada- o PP lugués fai o segundo. O 24 de Maio está moi próximo. É de agardar que a formación conservadora recolla nas urnas o que está sementando.

Comentarios