Opinión

Por un proceso constituínte coas nacións como protagonistas

A abdicación de Juan Carlos I Borbón é o inicio da desmontaxe do réxime de 1978


A abdicación de Juan Carlos I Borbón é o inicio da desmontaxe do réxime de 1978. Non dá máis de si, após o nacionalismo de centro direita catalán ter aderido a causa da independencia. Non dá mais de si, cun bipartidismo que hoxe non ten lexitimidade de exercicio e representa ben menos do que a actual suma de deputados PP-PSOE nas Cortes Xerais do Estado. Non dá máis de si, porque non satisfai as demandas dos pobos -na vangarda Catalunya e Euskal Herria, Galiza infelizmente rezagada- e porque tampouco resolve os problemas das clases populares no Estado, que ven como a crise do capitalismo só ten un pagano, elas propias, mentres a oligarquía continúa enriquecéndose.

En realidade, os resultados do 25-M son o detonante da abdicación. A explicación oferecida pola Zarzuela, e comprada acriticamente polos mass media hexemónicos, non se ten de pé. O 24 de decembro Juan Carlos I deixou claro a súa vontade de continuar. Non ten xeito que mudase de opinión apenas uns días despois, en xaneiro. Como aconteceu co seu avó en 1931, é a vontade colectiva expresada nas urnas a que o obriga a abandonar o trono.

Non se trata só de que se respeite o dereito a decidir, trátase de que desde o principo fique claro que o soberano non é o pobo español, senón os distintos pobos que coexisten no Estado, o galego entre eles.

O rexime está ferido, mas non hai que menosprezar a súa capacidade de rexeneración. Fíao todo a dúas cartas: a coroación de Felipe VI e a hipótese dun goberno de concentración bipartidista ao xeito alemán. Son, en realidade, dúas bazas que non garanten o triunfo. Non se albisca que 23-F vaia vir ao rescate de Felipe VI para propagandisticamente se lexitimar ante as e os cidadáns. E a grande coligación tampouco é seguranza de nada, sendo que a orientación das políticas, procíclicas e enfeudadas ao euro, non mudaría no substancial e, portanto, tampouco os seus nefastos resultados.

En todo caso, o edificio de 1978 vai ser con toda probabilidade reformado. Rajoy resístese a falar de reforma constitucional, mas as elites teñen claro desde hai meses que esa perspectiva é inevitábel, porque aos seus ollos non é concebíbel o actual Estado sen procurar un outro encaixe a Catalunya. Euskal Herria agarda tamén quenda. Galiza non está neste momento no cenario e só estará se o nacionalismo se abrir paso.

É inevitábel falar de proceso constituínte, mas achamos que Galiza como nación só pode aceptar un proceso constituínte plurinacional. Non se trata só de que se respeite o dereito a decidir, trátase de que desde o principo fique claro que o soberano non é o pobo español, senón os distintos pobos, en pé de igualdade, que coexisten no Estado, o galego entre eles.

Comentarios