Opinión

O PP, unha máquina de producir débeda

Unha cousa é a realidade e outra ben distinta é a propaganda.

 

Unha cousa é a realidade e outra ben distinta é a propaganda. Desde os anos 80 do pasado século, os aparatos de conformación da opinión pública -os grandes mass media- tentaron persuadir o público de que a dereita xestiona mellor a economía e é máis eficiente na administración dos recursos que son de todas e de todos. Os dados disponíbeis desmenten o que non é máis que un ideoloxema do neoliberalismo. Baste oferecer aquí dúas pinceladas. Primeira, en xullo coñeceuse que a débeda pública española ascende xa a un billón de euros. Segunda, desde que Feijóo é presidente do goberno galego, e xa logo van 5 anos, a Xunta viu engordar a súa débeda no entorno dos 7 mil millóns de euros.

O neoliberalismo necesita do Estado para materializar o seu proxecto económico

En realidade, a dereita neoliberal -e con moita frecuencia a socialdemocracia cando goberna, e iso comeza a verse na Franza do social-liberal Hollande- é unha máquina de producir débeda pública. Por que? Basicamente porque hoxe a débeda pública é un grande negocio privado. O capital, após o estourido da burbulla inmobiliaria, traballa hoxe parasitariamente en dous campos. O campo da débeda pública, criando unha nova burbulla que acabará tamén por explosionar, e a mercantilización dos servizos públicos, nomeadamente a sanidade e o ensino.

Así, e de forma paradoxal, o neoliberalismo necesita do Estado para materializar o seu proxecto económico. É desde a ocupación do sector público como se realiza a acumulación de capital na presente fase de desenvolvimento do capitalismo monopolista ou oligopolista. Grandes corporacións financeiras son as que controlan os resortes políticos para pór as administracións públicas ao seu servizo. Así funciona.

Tomar consciencia

A sociedade debe tomar consciencia disto e debe recuperar o control das institucións públicas. Debe tamén submeter a avaliación toda a débeda pública e estudar a súa orixe. A ilexítima, que é a parte do león, debe ser denunciada. Non debe ser paga. Moito menos sobre a base dos cortes en servizos públicos esenciais ou nas prestacións á millenta populación que está no desemprego.

 

Comentarios