Opinión

Porque non somos “a muller de...”

Helena, Rocío, Marta, eu mesma... moit@s d@s que leades este artigo crecestes, coma min, nunha familia en que, habitualmente, a vosa nai non falaba de política, nin a nosa avoa. Outras, coma Silvia e Mar, teñen que volver á casa antes das 3h, cando os seus irmáns, á mesma idade, non tiñan hora de chegada.

Helena, Rocío, Marta, eu mesma... moit@s d@s que leades este artigo crecestes, coma min, nunha familia en que, habitualmente, a vosa nai non falaba de política, nin a nosa avoa. Outras, coma Silvia e Mar, teñen que volver á casa antes das 3h, cando os seus irmáns, á mesma idade, non tiñan hora de chegada. Outras, coma Ana, séntense acosadas por Marcos, que lles revisa o móbil cando elas non se decatan, e tratan de atravesar a porta con axilidade para que a súa parella non lles vexa o escote co que saen da casa. Outras, coma Carme, compatibilizan, como poden, o seu traballo co coidado das súas crianzas, da súa nai dependente e da casa. Outras, coma Fátima, vense forzadas a deitarse co seu mozo cada noite, aínda que non lles apeteza. E outras, coma Xulia, Tina, Iria e Marisol, representan a expresión máis cruenta desta sociedade patriarcal: o asasinato. Son as catro mulleres asasinadas na Galiza este ano polas súas parellas ou ex-parellas. Non pasou tanto desde aquel día en que recibiron o primeiro azoute, aquel día en que os seus asasinos xuraron estaren arrepentidos, aquel día en que comezaron a ter medo.

Cando escoitamos a expresión “violencia de xénero” a tod@s nos ven ao maxín unha muller maltratada fisicamente, ou asasinada, a mans dun home. Mais esta é só a cara máis visíbel, tamén a máis tráxica, desta lacra. Con todo, a dor non está só vestida de hostias, porque hai violencia contra as mulleres máis alá das hostias. Os golpes físicos deixan cicatrices. E os golpes cotiás, aquelas experiencias que vivimos cada día e cuxo carácter sexista fica invisibilizado, deixan en nós fondas pegadas que nos impiden vivir con normalidade e que nos machacan a autoestima: desde a linguaxe sexista até a feminización da pobreza, pasando por un desemprego con cara de muller á dupla xornada laboral que sufrimos. A violencia contra a muller tamén é o capitalismo salvaxe ou a nosa relegación á esfera privada, porque andarmos soas, pola rúa, e de noite, “como que non”. Tamén habita a violencia no mercado laboral, un mundo creado a imaxe dos homes e en que os salarios son menores para as mulleres. E nas páxinas dos xornais, nas palestras radiofónicas, nas declaracións de expertos... tamén hai violencia contra a muller, ese ser “insignificante”. De feito, os homes acadan o papel de expertos nun 91% das informacións dos medios de comunicación.

Seguramente, algunha de vós, que estades lendo este artigo, fostes para alguén “a moza/compañeira/parella/muller de Antonio”, como se fósedes da súa propiedade. A min tamén me pasou. E non, non era moza de fulanito nin de menganito, non me facía falta ninguén para ser eu, porque ningunha de nós lle pertencemos a ninguén e porque ningunha de nós somos un anaco de pel que conquistar. Moitas das que sufriron o estigma de seren “a muller de” tamén padeceron o “pegueille porque era miña” ou o “mateina porque era miña”. A partir de entón, a reprodución dos medios de masas é a de sempre. Cantas veces non oímos/lemos o de “crime paixonal” como se o home matara a muller por amor? E por amor non se mata nin se pega, mátase por odio. Tamén entón é cando se reproduce o máis cruel patriarcado que carga de culpa a quen foi agredida, como se esa muller violada, pegada ou asasinada acometer unha falta ou unha “provocación sexual” que a levar a ser humillada. Esta culpabilidade é tan lamentábel como lamentábel é o feito de sufrirmos o roubo da nosa carteira na rúa e ao irmos denunciala nos pregunten “e non sería vostede, que lle ofreceu a carteira ao atracador?”.

Eu son das que non quer minutos de silencio o 25 de novembro, o 8 de marzo ou cada vez que un home asasina unha muller. Eu son das que quer acción, das que quer berrar alto “acabemos co patriarcado”, das que quer unha coeducación que vaia máis alá dos trípticos que se reparten na escola que rezan aquilo de “pegar é malo”, das que quer que a sociedade deixe de ensinarnos a non ser violadas e que se lles ensine aos homes a non violar, das que quer que as mulleres deixemos de padecer a violencia por ser mulleres, das que quer que todas recuperemos o sorriso que tanto custa debuxar nun rostro maltratado, das que quer e das que acredita nas organizacións políticas liberadoras que respectan e cren nas mulleres. Porque nós, que somos e sentimos como mulleres, temos as mesmas ganas de vivir e de sentir que vós, os homes. E porque nós queremos ser propietarias de nós mesmas, do noso corpo, da nosa sexualidade, do noso pensamento, da nosa vida... Queremos seguir exercendo o noso dereito a abortar... Queremos, en definitiva, ser mulleres fóra dunha sociedade patriarcal. E, para isto, non podemos permitir retrocesos, nin recortes, nin “austeridades”. Non podemos permitir que ninguén mande sobre nós, nin a Conferencia Episcopal, nin o capitalismo. Está na nosa man darlle morte ao patriarcado, está na nosa man darlle morte a un modelo de economía e de sociedade inxusta. Fagámolo!

A Xulia, Tina, Iria e Marisol. A Fátima e a Carme, a Ana, a Silvia, a Mar, a Marta, a Rocío e a Helena. A todas e cada unha de vós, mulleres, que sufrides, acotío, o patriarcado.

 

 

Comentarios