Opinión

Por terra, mar e aire

Vivimos sen dúbida un dos períodos máis escuros da Historia moderna de Galicia, no que a crise, engadido á mediocridade manifesta da caste política, fan un cóctel explosivo, cuxa metralla impacta de cheo nas posibilidades de futuro deste país, até reducilas á nada.

Vivimos sen dúbida un dos períodos máis escuros da Historia moderna de Galicia, no que a crise, engadido á mediocridade manifesta da caste política, fan un cóctel explosivo, cuxa metralla impacta de cheo nas posibilidades de futuro deste país, até reducilas á nada.

"As promesas feitas en tempos de engano aos electores sobre a carga de traballo aos nosos estaleiros seguen no limbo dos mentireiros, cando non dos incapaces".

Esta semana eses ciclopes ameazadores levaron o nome maldito de “tax lease” por unha banda, e de “documentos segredos” por outra. Bruxelas comunicou finalmente o que xa tiña hai tempo decidido, a desconexión da respiración artificial do moribundo naval galego. Probablemente Almunia sexa so o que da a cara para poñer en riba da táboa do verdugo decisións que toman outros, mais non nos enganemos, ao final o que corta a cabeza é o verdugo, colaborador necesario vestido de presunto membro do Partido Socialista, anteriormente “obrero”, e español. É evidente que non somos nin Holanda nin Francia; é evidente que estamos no finisterrae non so xeográfico, mais o que poden ter claro os prebostes europeos, e os incapaces gobernantes españois, é que a condena ao averno á que mandan a comarcas como a de Ferroterra, non lles sairá de balde. Mentres as promesas feitas en tempos de engano aos electores sobre a carga de traballo aos nosos estaleiros seguen no limbo dos mentireiros, cando non dos incapaces.

"A evidencia das mentiras sobre custosas auditorías que non foron tales, provocaría dimisións inmediatas nun país do primeiro mundo"

Mentres, a comisión de investigación sobre a defunción das caixas galegas segue no seu rego de esperpento, burlando as mínimas nocións de racionalidade, para que alguén minimamente avezado poida crer que eses supostos traballos serven para algo. As non comparecencias de MAFO, ou da ex conselleira Fernández Currás, non son máis que avisos do poder real de que o que non se debe saber, probablemente nunca se saberá. Iso si, a evidencia das mentiras sobre custosas auditorías que non foron tales, provocaría dimisións inmediatas nun país do primeiro mundo, claro que aquí, onde remata a terra, estamos tristemente acostumados a que mentres sufrimos ataques ao noso modo de vida por terra, mar e aire, esteamos resignados a que os nosos mediocres políticos fagan solemnes declaracións sobre un estado das cousas ideal, que eles encárganse de dinamitar mentres dan as costas ao sufrimento da xente. 

O bo é que todo ten o seu límite, e en Galicia xa hai tempo que se excederon determinadas liñas vermellas, e agora chegou o momento que esa sociedade tradicionalmente submisa, brame con forza contra a inxustiza.

Ou non?

Comentarios