Opinión

Por obra e graza do ES

Cando escoitamos falar de “desproteción do concibido”, non parece que nos encontremos ante un Ministro dun Estado aconfesional e moderno senón ante un pastor ortodoxo inspirado pola Musa da Conferencia Episcopal. Gallardón agarda preservar os dereitos do concibido permitindo que ést@ naza con taras e malformacións. Un suposto evitou 16133 nacementos crueis entre 2005 e 2010.

Cando escoitamos falar de “desproteción do concibido”, non parece que nos encontremos ante un Ministro dun Estado aconfesional e moderno senón ante un pastor ortodoxo inspirado pola Musa da Conferencia Episcopal. Gallardón agarda preservar os dereitos do concibido permitindo que ést@ naza con taras e malformacións. Un suposto evitou 16133 nacementos crueis entre 2005 e 2010.

Concibido por quen? Por obra e graza do espírito Santo? Esa cruzada da protección ao feto volve ser directamente proporcional ao sometemento das mulleres. De que ética e de que xustiza fala Gallardón cando quere obrigar a vivir a un ser que nunca gozará do seu desenvolvemento autónomo?

Recentemente lin unha carta no xornal El País dun relevante neurólogo que explicaba as tremendas dores que padece desde o seu nacemento unha criatura con malformacións como a espiña bífida, algo máis corrente do que pensamos.

Nin sequera desde o naturalismo máis extremo se explica a idea do ministro. Ata os animais domésticos resolven os erros da natureza desfacéndose das crías malformadas.

E neste punto subliño un razoamento que considero fundamental. Parir -mentres non se faga tecnoloxicamente- é un feito natural non é un dereito. As mulleres en idade fértil poden ter criaturas trátase dunha facultade biolóxica. Reivindicar, daquela, a maternidade, algo no que concordan a Santa Sede, Gallardón e certo naturalismo progre, é tan absurdo como reivindicar a función clorofílica.

As feministas as que as dereitas acusan de abortistas, movéronse desde sempre a prol do dereito a decidir. Os centros de atención sexual- reprodutiva autoxestionarios cubriron o traballo dun Estado de dobre moral que non sabía como ocultar os 300.000 abortos que se producían anualmente nos anos 80.

Desde o invento da píldora e a legalización dos anticonceptivos conseguiuse un control racional desta capacidade, que deu novas posibilidades vitais ás mulleres. Isto explica o vixente (despois de corenta anos) slogan do feminismo: ”parir non é o destino da muller”.

A opción de parir e controlar racionalmente a reprodución nos separa da “inconsciencia natalicia” que padece o terceiro mundo. Isto sábeno ben @s activistas polo desenvolvemento que actúan decididamente nestes países.

Sen embargo a máis desapiadada política anticonceptiva da historia democrática é a deste goberno que practica recortes drásticos en orzamentos para igualdade, en servizos, en ensino e en sanidade, e por riba ten a indecencia de mandar as mulleres a parir de calquera modo, escravizándoas ao coidado d@s fill@s de por vida. A estratexia de involución dos dereitos das mulleres está servida.

Hai uns días referíame nesta mesma tribuna a que a Xunta redactara unha Lei de familia baseada nuns intereses puramente obstetrícicos; na que o avance da xestación primaba por riba dos dereitos humanos, d@ futur@ bebé e da súa nai.

Non nos regresan ao 1985, á primeira lei de aborto, senón ao franquismo, antes da liña negociadora dos Pactos da Moncloa en que todos os partidos acordaron avances sociais que levarían a legalización dos métodos anticonceptivos no que se incluía o aborto libre.

Regresa a inercia de tempos predemocráticos; da dobre moral en que as clases podentes, votantes ou non do PP, poderán abortar á vontade, mentres que as non podentes buscarán á vía clandestina para resolver un problema sanitario. A historia repítese.

No epílogo de “Feministas Galegas, claves dunha revolución en marcha”, alertaba da perigosísima involución das liberdades sociais e a nefasta incidencia sobre os dereitos das mulleres. Apenas podía sospeitar que esta alerta, case retórica, tornaríase en feitos, tan de contado.

Por todo o que estamos perdendo, en bens públicos, en dereitos sociais, en igualdade; porque ”isto non é unha crise, é unha estafa”, contra a política depredadora de quen nos goberna, saiamos o día 30 de xullo á rúa.

Comentarios