Opinión

Polo ou porco?

Esta é a cuestión. Ou de como sentirse estranxeira no teu propio país. Esta breve e absurda historia desenvolveuse no interior dun supermercado galego hai xa dez anos. Daquela, non tiña eu na contorna outro espazo ao que poder ir camiñando a mercar, así é que ousadamente atrevinme a pedirlle ao carniceiro un quilo de carne de porco.

Esta é a cuestión. Ou de como sentirse estranxeira no teu propio país. Esta breve e absurda historia desenvolveuse no interior dun supermercado galego hai xa dez anos. Daquela, non tiña eu na contorna outro espazo ao que poder ir camiñando a mercar, así é que ousadamente atrevinme a pedirlle ao carniceiro un quilo de carne de porco. Despois dun segundos, contestoume – que parte del pollo quieres?

Non, non, - respondinlle, polo non, porco, carne de porco. – Ya, ya, pero del pollo, que parte quieres? Como me fixo dubidar se me entendía realmente, deixei que a cousa pasara e observeino en sucesivas ocasións para comprobar que non fora xordo, que comprendera a todo o mundo, e en fin, que non fora eu a única á que lle resultaba inintelixible a miña fala. Pero descubrín ao meu pesar, que intencionadamente tentaba poñerme en evidencia diante do resto das persoas cando me dirixía a el en galego, e claro, daquela inda sobraban clientas...

As miñas primeiras lembranzas asociadas á discriminación, son de cando contaba con só catro anos e as veciñas increpaban a miña nai cando nos oían conversar ou mesmo cando eu me dirixía a elas. - Que vergonzoso! Non che da vergonza a nena tan pequena e falando galego? Que pena!

Xa comezaba a a ser socialmente fea para unha parte importante da veciñanza, máis tarde, tamén o sería para o meu entorno escolar. Ben entrados os anos oitenta, ninguén cometía a ousadía de facerse escoitar en galego na escola se non querías ter máis dun problema, especialmente co profesorado. De feito, as clases de galego impartíanse en castelán e era considerado unha materia de “segunda”.

Na adolescencia dos anos noventa, ser muller e falar galego nunha vila ou cidade deste país, condenábate ao ostracismo, ao illamento. Así é que aquel monstro seguiu medrando e perpetuando a súa fealdade social. Son tantas as ocasións nas que me repetiron que o falar galego me afeaba e me embrutecía como muller, que xa perdín a conta...Por certo, a última non hai tantos meses...

Isto deben entender cando falan de convivencia e de equilibrio lingüístico. O bilingüismo harmónico é soportar o acoso social, a presión do entorno, o rexeitamento do grupo, as agresións permanentes, a crítica perenne, a intolerancia e a xenofobia lingüística, e alguén quere facernos crer que mudou algo?

E continúan coa necesidade de segregar entre cidadáns de primeira e segunda para aplicar o seu “apartheid” particular, e non dubidarán en obrigarnos a ensinarlles as enxivas para concluír que a nosa é unha lingua de negros nun país branco. E como me fixo saber aquel carniceiro.... “Aquí solo tenemos carne de cerdo”.

Comentarios