Opinión

Políticos medianos

Escoito falar da necesidade de atopar líderes (preferiría proxectos e programas) con carisma (preferiría con discurso). Iso é o que escoito. Mal síntoma. Porque se para gañar unhas eleccións se necesitan gabinetes de comunicación, expertos en mercadotecnia e argumentarios, se todo iso é necesario, daquela coido que queda demostrado que aqueles que teñen interese en gobernarnos non posúen cualidades de seu o suficientemente interesantes e poderosas como para seducirnos e que lles votemos. Por iso teñen que recurrir ao artificio das fotos trucadas e os bicos ás señoras no mercado.

Teño amigas na política polas que poño a man no lume, mulleres dunha valía intelectual demostrada, dunha honradez a proba de bombas e cunha capacidade de traballo que eu nunca terei. Así que as palabras que seguen non son para elas.

E vou escribir un artigo moi incorrecto que igual non tiña que escribir. Pero non estou nisto para facer amigos nin para que me paguen as cañas. E a pesar de que eu debín de ser dos poucos articulistas que escribiu defendendo os políticos, a necesidade do seu oficio e a súa dignidade, o certo é que debo dicir que en xeral esa defensa custa un mundo, porque abonda moito entre eles a medianía intelectual, as poucas luces e a estreitez de horizontes mentais. E non están á altura do labor que teñen que asumir. E por iso non transmiten un pensamento nin lucido nin lúcido. E isto vale para todos os partidos. Tamén para os que eu lles voto. Sinto dicir isto. E asumo as consecuencias de dicilo. Que lle queren.

"A sociedade actual é mínima, minimalista, minimizada e que, xa que logo, vén sendo unha sociedade que xera políticos mínimos, minimalistas, minimizados, profesionais do xesto baleiro, da consigna pensada para que non signifique nada pero que sexa efectista".

Escoito falar da necesidade de atopar líderes (preferiría proxectos e programas) con carisma (preferiría con discurso). Iso é o que escoito. Mal síntoma. Porque se para gañar unhas eleccións se necesitan gabinetes de comunicación, expertos en mercadotecnia e argumentarios, se todo iso é necesario, daquela coido que queda demostrado que aqueles que teñen interese en gobernarnos non posúen cualidades de seu o suficientemente interesantes e poderosas como para seducirnos e que lles votemos. Por iso teñen que recurrir ao artificio das fotos trucadas e os bicos ás señoras no mercado.

Os gobernantes son un reflexo da sociedade. Hitler so podía aparecer nunha realidade fanatizada. E a sociedade actual é mínima, minimalista, minimizada e que, xa que logo, vén sendo unha sociedade que xera políticos mínimos, minimalistas, minimizados, profesionais do xesto baleiro, da consigna pensada para que non signifique nada pero que sexa efectista.

E eu, o que necesito, son políticos que me arrastren, que me ofrezan unha cosmovisión o suficientemente ampla e intelixente como para que se diferencien do resto. Estou cansiño de profesionais da política que só saben deterse na casuística. E nin sequera na que importa, senón na que electoralmente poida ser máis rendible.

Eu quero votar e sentirme orgulloso de a quen voto.

E a día de hoxe, cústame un mundo.

Comentarios