Opinión

Política eleitoral e Política: reflexións sobre o 21-0 (de 1997)

Na situación, sen dúbida eleitoralmente dificil, na que o nacionalismo galego se encontra, desexaría, desde a humildade, deitar un mangado de consideracións esencialmente dirixidas ao pasado, coa seguranza de que sendo certo que o presente no que nos achamos profetiza o futuro non é menos verdade que, ao

Na situación, sen dúbida eleitoralmente dificil, na que o nacionalismo galego se encontra, desexaría, desde a humildade, deitar un mangado de consideracións esencialmente dirixidas ao pasado, coa seguranza de que sendo certo que o presente no que nos achamos profetiza o futuro non é menos verdade que, ao tempo, é unha herdanza do que ficou atrás. Para iso, e para encontrar xustificación do que acontece, considerarei dous períodos de case a mesma extensión: o primeiro entremea os anos 1985 e 1997; o segundo abranxe o treito de 15 anos comprendido entre 1997 e o presente. Para rematar este —por dicelo cinematograficamente— plano de situación, direi que quen escrebe estas liñas foi simpatizante e militante do BNG polo, non escaso, período de 25 anos e que o pasado domingo día 21 votou as candidaturas desta forza política, ao tempo que advertirei que nas liñas que seguen vai unha boa parte de sentimento —no duplo sentido de paixón e dor— como corresponde a alguén para quen a causa da emancipación nacional está presente desde hai 40 anos.

Escollín, como a leitora solerte intuiría, como ano de división 1997 porque é nese instante cando se produce en Galiza un fenómeno inusual no contexto europeu: a socialdemocracia —supoñendo que aínda poidamos admitir dito cualificativo para o PSOE— vese ultrapasada por unha forza situada á súa esquerda. Con efeito ese ano, o Bloque Nacionalista Galego, con máis de 395.000 votos e 18 deputados, convertíase na segunda forza política da nación e conseguía unha diferenza de 85.000 votos sobre unha coaligación formada polo Partido Socialista Obrero Español (13 deputados), Esquerda Unida-Esquerda Galega (2 deputados) e Os Verdes cuxo nome era PSdeGPSOEEUEGOV, denominación, como se comprende, inaccesíbel para a totalidade das persoas que padecen dislexia e para a inmensa maioría das que non a padecen, mais os procesos eleitorais facilitan este tipo de exercicios de funambulismo, oportunismo e surpresa. Neses doce anos a formación frentista pasara dos 54.000 votos de 1985 aos referidos 395.000 —un saldo positivo de 341.000 votos— en canto o PSOE pasaba dos 362.000 votos do ano 1985 aos 310.000 do 1997 —saldo negativo de 52.000 votos—. Desexo subliñar este dado, porque me permite retrucar un leit motiv persistente a partir do ano 2001 en certos membros da dirección do BNG que se podería concretar na frase: cando o PSOE baixa, nós subimos. De ser certa esta afirmación —a simples comprobación dos dados que veño de sinalar revelan a febleza da argumentación— máis ben debería formularse con este outro ponto de vista: cando nós subimos, o PSOE baixa. Aliás, penso que non existe demasiado rigor cando se afirma —perante o incremento eleitoral sostido ao longo de máis dunha década— que a dita circunstancia é consecuencia da corrección da práctica política e, ao invés, se sostén —perante a descida continuada na década seguinte— que tal feito deriva de posuírmos un pobo con escasa conciencia e elevado auto-odio, sen contar que falar de pobo galego é, ao meu ver, unha simplificación perigosa. Máis ben cumpriría dicer que, a día de hoxe, eleitoralmente falando, o pobo galego se acha dividido en dúas metades practicamente idénticas entre as persoas que votan no PP e as que se deitan cara a opcións situadas á esquerda deste, con proporcións variábeis de auto-rexeitamento e auto-estima, como o mostra o feito de que, desde hai unha década, as eleccións se deciden por unha diferenza menor de 15.000 votos entre o PP e o as forzas de esquerda —supoñendo que aínda poidamos admitir dito cualificativo para o PSOE—, agás no caso do bipartito no que a dita diferenza foi de 111.000 votos a favor destes últimos. Por certo, para comprendermos a magnitude da inxustiza dunha lei eleitoral feita a medida do PP, debemos pensar que, nas eleicións de 2005, a diferenza de 111.000 votos a favor da esquerda se traduciu nunha diferenza de 1 escano, en canto no presente 2012 a diferenza de 10.000 votos a favor do PP se converteu nun saldo de 7 escanos.


"Nas eleicións de 2005, a diferenza de 111.000 votos a favor da esquerda se traduciu nunha diferenza de 1 escano, en canto no presente 2012 a diferenza de 10.000 votos a favor do PP se converteu nun saldo de 7 escanos".


Até ese ano, 1997, a sociedade galega percebía o BNG cun sentimento de apaixonado interese ausente de neutralidade: unha fracción da mesma, en xeral situada na direita radical, na direita simples e na escasa adherencia ao feito nacional galego, consideraba o “Bloque” como un conxunto de persoas cuxos tags máis notábeis serían os de desiquilibrio mental, exaltación (actitude manifestada por seres exaltados) e filoterrorismo; outro seitor, con maior autoestima e con pendor a esquerda e á esquerda radical, definía a organización como unha forza valente, confiada nas súas posibilidades, decidida, rebelde e sen papas na boca. Ninguén ficaba indiferente perante aquelas tres letras e mesmo, dado sintomático, circulaba entre a sociedade un chiste de propaganda eleitoral subliminal, que non ocultaba admiración e simpatia e que puña en cena o principio freudiano de que en broma se pode dicer todo, mesmo a verdade: dous operarios da construción mantiñan o seguinte diálogo: “—Manolo, bota masa. —Aí a vai. —Agora bota tixolo. —Non hai tixolo. —Pois logo bota bloque”. O BNG, con efeito, abrírase paso entre a sociedade e pódese dicer que, sendo eleitoralmente unha forza secundaria, era quen levaba, moi por enriba das súas percentaxes de votos —hoxe diríamos por enriba das súas posibilidades— unha boa parte da iniciativa política, quen articulaba o país e quen facía que un despreciábel herdeiro da ditadura como Fraga Iribarne se vira na obriga de recorrer a un discurso galeguista, a se rodear de centos de gaiteiros e a botar man dos seus, non escasos, recursos para frear política, social e mesmo eleitoralmente o nacionalismo.

Toda esta avaliación social a respeito do BNG fracturou no momento no que este se converteu na segunda forza política. A partir dese instante, pasouse a considerar que o labor principal, en troca de persistir no camiño da mudanza social, era a mudanza de goberno. Como me confesaba un dirixente e carrego institucional: “é tanto o traballo que as institucións absorben que case non fica tempo libre para outras actividades”. A partir daquel (infausto) ano de 1997, esquecendo cal fora a práctica que conducira ao BNG a ser a segunda forza do país, comezaron os signos de “moderación”. O primeiro, a Declaración de Barcelona, que fixo aparecer ao voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, ao carón de dúas forzas, PNV e CiU, identificadas inequívocamente como de direita. Aquel acto, dicíase, tentaba visualizar no Estado o BNG como unha forza politicamente decisiva no país e situar a Galiza no mesmo rango que Euskal Herria e Catalunya. Na práctica podo dicer que produciu en min, o mesmo que na maioría das militantes de base do BNG, unha sensación de vergoña e desconcerto. Ao meu ver, pagamos moi cara aquela “visualización”. O aliñamento dunha forza de esquerdas ao carón da direita catalana e vasca forneceu munición a esgalla para que esquerda ou suposta esquerda incidisen no feito de que, por fin, se podía ver a auténtica face do Bloque. A primeira forza salientando o carácter “burgués” de todo nacionalismo, a segunda querendo rendibilizar o feito de que ela era a única opción posíbel de esquerda oposta ao Partido Popular. E dito sentimento callou, de vagariño, na conciencia popular, en canto a militancia de base, calaba e aceitaba, mais non compartillaba e, coa boca pequena, aseguraba que os nosos aliados vascos e cataláns, de selo, deberían procurarse noutras leiras.


"A partir daquel (infausto) ano de 1997, esquecendo cal fora a práctica que conducira ao BNG a ser a segunda forza do país, comezaron os signos de “moderación”. O primeiro, a Declaración de Barcelona"



O segundo problema, que a moitas persoas militantes do BNG levou até a fronteira do inadmisíbel, foi ver o candidato á presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, xantando cun fascista (a asignación do vocábulo non é miña; é do proprio Fraga Iribarne cando, un día, en resposta a esa cualificación respostara: “a mucha honra”) para articular non se sabe exactamente que aspectos de gobernabilidade, no que se coñeceu como o espírito do Vilas, restaurante compostelano no que se celebro aquel (infausto) encontro. Resultaba que, nun pinchacarneiro inexplicábel, a “peste Fraga”, a persoa que “íamos queimar en seis meses”, se convertera en alguén susceptíbel non só de confronto parlamentar, mais gastronómico. Daquel xantar se pode deducir a habelencia do político vilalbés ao deixar en mans do representante do BNG a versión aos meios de comunicación do encontro, sabedor de que o político nacionalista ficaba atado de pes e mans e tería que, como así foi, louvar certas virtudes do seu adversario. Desde aquel día as persoas que atacaban o pasado e presente de Fraga Iribarne, recibían invariabelmente a seguinte resposta: “que estades a dicer se o voso proprio xefe di o contrario”?. A partir daquel día, calquera crítica dirixida ao ex-ministro franquista tivo como resposta o silencio, a rexouba ou a descualificación. O xantar do Vilas, xunto coa foto dos membros de Galeusca —accións da que foi responsábel toda a dirección do BNG— tiveron unha potencia simbólica demolidora para o nacionalismo. Reducida a estereotipo, a aparición do BNG ao pé de formacións da direita nacionalista e o xantar con Fraga Iribarne constituíron un dispositivo letal que restou ao Bloque o creto acumulado durante longos anos.

"O segundo problema, que a moitas persoas militantes do BNG levou até a fronteira do inadmisíbel, foi ver o candidato á presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, xantando cun fascista"

Como consecuencia destes dous erros políticos incomprensíbeis nunha organización que se proclama de esquerdas, iniciose o devalo da forza eleitoral do BNG e, en moita menor medida, a política. De tal maneira que, na seguinte convocatoria do ano 2001, con Xosé Manuel Beiras como cabeza visíbel, a organización sofría o primeiro retroceso en 16 anos, cunha descida en percentaxe dun 12%, unha perda de 50.000 votos —a maior até o ano 2012— e unha cativa avantaxe de 12.000 votos a respeito do PSOE, aínda que xa con igual número de escanos. Catro anos despois, con Anxo Quintana como cabeza de cartel, a descida era dun 10% que se concretaba en 13 deputados, a cesión da segunda praza para o PSOE e unha perda de 34.000 votos, maquilada pola consecución do goberno da Xunta. De novo con Quintana como candidato, o BNG no ano 2009, sufría unha nova ferida de 42.000 votos que representaron un 13%. Como se pode ver, a descida era independente de quen representase a frente nacionalista. A miña hipótese de traballo para estas eleicións do 21 de outubro houbese sido unha perda de entre 30.000 e 40.000 votos, equivalentes a un 10-15 %. A aparición dunha forza como Anova-Esquerda Unida acelerou a sangría e impediu comprobar a continuación do ritmo de descida estabelecido ao longo de todo o século XXI. Débese subliñar que a plataforma Anova—Esquerda Unida posúe ao seu favor dous dados esenciais: en primeirísimo lugar, o seu carácter de forza nova e, polo tanto, non “contaminada” pola opinión xeral da cidadanía verbo das organizacións políticas; o segundo, o apoio que as emisoras e imprensa do grupo La Voz de Galicia forneceron a dita coalición.

A partir dese ano crucial de 1998, o Bloque Nacionalista Galego mudou a súa forma de actuación de forma substancial, no sentido de considerar o PSOE non como un inimigo (non foi un lapsus; non quería dicer adversario: os nomes de Francisco Vázquez, Carlos Principe, Abel Caballero, Ventura Pérez Mariño e moitos outros, a práctica antigalega, a hostilidade a todo o que se apresente como identitario e xusto danme a razón) senón como un inevitábel compañeiro de viaxe. A partir do ano 1998, os signos preocupantes sucedéronse: arrepiada, a militancia nacionalista escoitaba o desexo do voceiro nacional, Anxo Quintana, de que o BNG se convertise nunha organización homologábel ao PSOE (Filesa, Intxaurrondo, corrupción, Time Sport, Gal, reforma express da “intocábel” Constitución, Malesa, terrorismo de Estado, Galindo, Gobierno de España) e ao PP (español sin complejos, FAES, autoritarismo, Zaplana, pouso franquista, corrupción, España lo único importante, Opus Dei, yo estoy en política para forrarme). Ouvíase con desacougo o enunciado do principio de bilingüismo, a nugalla e desleixo absolutos dunha inmensa parte de carregos eleitos na cualidade do galego empregado, a asistencia a procisións e actos relixiosos, incluída a oferenda “nacional” ao apóstolo, que constituía un agravo para a militancia laica e soberanista do BNG (na cidade de Pontevedra, onde non se subvencionan touradas, actos relixiosos ou eleición sexistas de “misses”, onde se leva a cabo unha oposición ao proxecto de Ence, etc. o BNG mantén a súa base social e o seu eleitorado, casualidades da vida). Víase como se concretaba a moderación como elemento fulcrado para acceder aos caladoiros de votos do PP, coa quimérica (o termo é do rei de España, ese grande intelectual) suposición, “avalada por inquéritos”, de que o 80% do corpus eleitoral popular tiñan como segunda opción o BNG. En realidade, tal dado quería dicer que o 80% do voto popular preferiría (condicional) o BNG antes que o PSOE, ou dito noutras palabras, o 80% do eleitorado popular votarían o BNG o día no que o PP non concorrese ás eleccións. Ollábase con pavura como o termo galeguismo tentaba suplantar o de nacionalismo, como o emprego do idioma se enfeblecía e mesmo eu vinme un día no que —desenvolvendo unha xornada de interventor eleitoral, Italo Calvino dixit— tiven que perguntar, con absoluta corrección, a un apoderado da nosa formación a causa de que empregara única e exclusivamente o español, ao que el —penso que case literalmente— me contestou: “mira, tío, tu no me vas a imponer a mi el idioma que tengo que hablar”. Con estremecemento comprobábase como o discurso da im-po-si-ci-ón-do-ga-le-go penetraba nas nosas proprias filas. Os membros da organización, totalmente chocados comprobaban como nas manifestacións do Bloque, a consigna “PSOE, PP, a mesma ... “ era interrompida neste mesmo instante cun tchissss imperioso. Igual que se me achase inserido nunha alucinación perversa escoitaba como unha persoa das máis relevantes da dirección do BNG, a quen teño profundo respeito, me confesaba un día: “se baixamos un chanzo máis, convertémonos nunha organización autonomista, se é que non a somos xa”. Observábase con abraio como, en moitas instancias da organización, era La Voz de Galicia quen definía unha parte, non despreciábel, da actuación diaria. Víase con acoro como as palabras “abrirse a sociedade” —que, sistematicamente, son o limiar dos procesos de dereitización e claudicación— eran moeda de uso corrente, e con arrepío víase como, sintomáticamente, un slogan eleitoral resultaba compartillado, palabra por palabra, polo Bloque Nacionalista Galego e por unha campaña duns grandes armacéns. Como se se vivise un pesadelo, cando se propuña que había que voltar para o antigo rumo e tentar rillar a base social e eleitoral do PSOE perguntábase que, entón, quen ía ser o socio dun futuro goberno bipartito, dado que a maioría absoluta nacionalista non se albiscaba por ningures, porque a cuestión eleitoral enceguecera até as mentes máis lúcidas. Nese sentido, foron todo un manancial de inquedanza as palabras de Xosé Manuel Beiras a noite eleitoral de 1997, cando asegurara, deshumorado, que nós cumpríramos coa nosa obriga e o PSOE non, cando en realidade era máis importante a derrota política do PSOE que o acceso á Xunta, como o bipartito demonstrou no seu día —aínda que debamos recoñecer as cousas boas, ao carón das negativas, que aqueles catro anos deixaron como herdanza—. No presente ignoramos, aínda que xa o comezamos a albiscar, o custo político que aqueles catro anos van ter para o futuro. Ao BNG, penso eu, naquel ano 1997, tíñalle que importar pouco o que puidera facer o PSOE, porque a obriga primeira e fundamental era anchear a democracia e construir a nación. E para iso só dispuñamos das nosas proprias forzas e lembrarmos as palabras de Alain Badiou: co único que conta o oprimido é coa súa disciplina. Ao longo de anos —incluído o tempo da miña pertenza ao Consello Comarcal da bisbarra de Vigo— perguntei cal era a explicación que o BNG daba ao feito de que xustamente o día que se producira o sorpasso sinalara o comezo do noso declinio, social e eleitoral. Nunca obtiven resposta, porque a pergunta era retórica e, coma min, todo o mundo coñecía os motivos da descida.

Este conxunto de actuacións que a miña subxectividade vén de considerar abriu unha dupla vía de auga: en primeiro termo, o descontentamento nas proprias fileiras e, en segundo, a posibilidade de que a artillaría inimiga, magníficamente encanleada através da imprensa, prendese lume na organización e no eleitorado. Sufrindo, víamos como, timidamente, aparecían nas paredes das cidades mensaxes que nunca apareceran —que, particularmente, penso que son inxustas— e que callaban profundamente nunha parte da cidadanía: “PSOE, PP, BNG, a mesma merda é”. De tal maneira que o que se tardou décadas en construir, comezou a esvaecer a ritmo acelerado e hoxe a sociedade olla o BNG como un partido máis, con todo o que iso implica, nun momento no que a cidadanía posúe unha grande desafección polas organizacións políticas convencionais, cousa que, até o 1997, non era o BNG. Con efeito, desapareceron os antes sinalados tags de demencia, filoterrorismo e exaltación, mais tamén os de rebeldía, claridade e confianza que facían o Bloque diferente e que, con iso, lle concedían un plus de credibilidade.



"Desapareceron os antes sinalados tags de demencia, filoterrorismo e exaltación, mais tamén os de rebeldía, claridade e confianza que facían o Bloque diferente"


Todo isto non era, ao meu ver, dificil de predicer, se se partise de certas bases que a Historia e a Política (non a Xestión) nos indica: a) que, como lle dixo nunha ocasión Alain Peyrefitte a François Mitterand: “vosté está aí para mudar o goberno, non a sociedade”; b) que citando de novo a outro Alain, esta vez Badiou, “as eleicións son a comprobación que fai periodicamente o Estado para confirmar que todo segue igual”, para alén de que “nas eleicións se muda todo, agás o fundamental” e c) que non existe un só exemplo na Historia no que eleicións, referendos ou plebiscitos servisen para un verdadeiro proceso emancipador. Quero dicer con isto que, como dixo o cantautor portugués que todo o mundo coñece: O caminho é só um e sempre em frente. E, sinceramente, teimo, isto non era dificil de coñecer no ano 2000, aínda que tamén comprendo que o abandono das posturas correctas é un perigo que axexou e axexa as forzas emancipadoras ao longo da Historia e que o obxectivo fundamental do réxime capitalista-parlamentar é a desmobilización e a persistencia da inxustiza. Diráseme que “a touro pasado” é moi fácil predicer. Con efeito, xa dicía Mark Twain que non é fácil facer predicións, sinaladamente aquelas que se refiren ao futuro. Ora podo dicer que as ideas vertidas nas liñas anteriores xa as pronunciei un día no que sufrín un esgazamento interior que lembro como dos máis dolorosos de toda a miña vida, o día que, xa farto de sofrer e vendo en perigo a miña estabilidade emocional, abandonei o BNG, enunciando, penso que cito literalmente, que “o camiño emprendido conduce directamente ao suicidio político e, tamén, moito ollo, eleitoral”. De maneira surprendente a resposta que obtiven do responsábel a quen lle comunicaba a miña baixa foi: “Que queres que che diga, Vítor, se tes toda a razón?”. Era o 16 de novembro de 2004. Con profunda dor debo dicer que laio sinceramente ter dado no albo no meu prognostico.

Direi, para rematar esta reflexión, moito máis longa do que houbese desexado, que non debemos cair na trapela intereseira que os meios nos tenden. Non están, nin o BNG, nin o conxunto do nacionalismo, nin o país en xeral ao nivel do ano 1990. Iso é certo se — errando, máis unha vez— se identifican as forzas social e eleitoral. Débese saber que o nivel de conciencia e autoorganización do pobo galego é moi superior ao existente hai vinte anos e ese labor é mérito, practicamente exclusivo, do nacionalismo galego de esquerdas. Tamén que a agresión é moito máis intensa. Atrás ficaron feitos que axudaron a nos cohesionar como pobo e como conciencia en marcha, primeiro e fundamentalmente o acontecemento chamado Prestige, aínda que tamén as manifestacións en defensa da lingua ou todo o bloco de mobilizacións sociais. Se o BNG quere, deberá facer algo tan simples (e tan dificil) como poñer en práctica aquilo que pensa e coñece, aquilo que xamais debeu abandonar, aquilo que é o único que sempre soubo facer e aquilo que espera e desexa a súa base social, situada á esquerda. Aínda hoxe, a cidadanía identifica o BNG como a forza máis á esquerda de todo o Estado Español, só superada pola esquerda abertzale e por diante de organizacións como Izquierda Unida-Esquerda Unida ou Esquerra Republicana de Catalunya. A realidade real, non a realidade imaxinaria, vén condicionada pola acción social, non eleitoral, como demonstra o feito de que o PP, que posúe unha folgada maioría absoluta no parlamento español, perdeu 8 pontos percentuais en apenas 7 meses e se acha acosado en múltiples flancos, nun momento no que o capitalismo está a sofrer a crise máis profunda desde os anos 20 do século pasado, ou como explana o facto de que o PASOK, na Grecia, estea nunha intención de voto inferior ao 10% e en risco real de desaparición. Hoxe o Estado mostra a súa verdadeira face e explana que está estritamente ao servizo de quen o criaron e en contra da inmensa maioría da populación. Estes son os factores que, arestora, debe ter en conta o BNG, deixando nun segundo plano os procesos eleitorais, en si mesmos etéreos e veleidosos, para estruturar un país que precisa tal estruturación. Non vou negar que as eleicións son un acto político, mais non fundamental e moito menos único, sinaladamente nunha etapa de fractura como a que vivemos. Quen desexamos un cambio verdadeiro debemos considerar que os momentos de crise son os de grandes sofrementos, mais tamén os das grandes sínteses e o tempo onde se libran as batallas decisivas. O BNG coñece perfeitamente, desde hai décadas, o modelo de acción: fixación precisa de obxectivos, determinación na consecución dos mesmos, confianza nas proprias forzas e nas da xente. Que aquel vello “nos temos confianza no noso pobo ...” non fique restrinxido a unha simples consigna.


"O BNG coñece perfeitamente, desde hai décadas, o modelo de acción: fixación precisa de obxectivos, determinación na consecución dos mesmos, confianza nas proprias forzas e nas da xente."


Hai máis de setenta anos León Felipe, na tradución do Canto de min mesmo de Walt Witman, perguntábase se cuñar aquel poema non sería “un mal negocio, un gesto inoportuno y peligroso” para a seguir afirmar “no se si será peligroso, pero no es inoportuno”. Arriscándome a que me cualifiquen de inoportuno e antigo os devotos da Fundación FAES (un modelo, aliás, de modernidade e vangardismo) rematarei citando unha frase de Mao Zedong de absoluta actualidade: “Todo, baixo o ceu, se acha en completo caos. A situación é excelente”.

 

 

Comentarios