Opinión

Pola retirada da LOMCE, folga!

Este xoves 9 de maio a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por máis de 11 entidades representantivas de toda a comunidade educativa, nais e pais, alumnado e profesorado, convoca folga no Ensino público contra a LOMCE.

Este xoves 9 de maio a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por máis de 11 entidades representantivas de toda a comunidade educativa, nais e pais, alumnado e profesorado, convoca folga no Ensino público contra a LOMCE.

A mal chamada Lei para a mellora da calidade educativa é unha verdadeira agresión ao ensino público, unha involución de máis de 50 anos que nos leva a antes de 1970 coa imposición das reválidas, o desprezo á nosa lingua, a potenciación da relixión, a dirección unipersoal dos centros (até o extremo de poder rexeitar profesorado), o modelo da empresa privada ou o incremento dos concertos ao ensino privado, mesmo aínda que discriminen o alumnado por razón de xénero. A LOMCE é unha lei que aposta pola privatización do ensino, mercantilista, españolizadora, centralista, antidemocrática, antipedagóxica, confesional...

"É unha verdadeira agresión ao ensino público, unha involución de máis de 50 anos que nos leva a antes de 1970 coa imposición das reválidas, o desprezo á nosa lingua, a potenciación da relixión, a dirección unipersoal dos centros"

Desde que en outubro se fixo público o primeiro borrador, a Plataforma considerou a necesidade de realizar un labor de concienciación e difusión do que este borrador significaba. Ao tempo iniciaba as mobilizacións necesarias coas que facer efectiva a nosa oposición nas distintas cidades galegas e outras localidades.

Durante o mes de marzo preparouse a seguinte mobilización, os peches que tiveron lugar no mes de abril en máis de 15 localidades galegas, que se iniciaron o 9 de abril en Compostela e remataron o 26 en Pontevedra e nos que participaron máis de 3000 persoas que acudiron aos peches para manifestar a súa oposición á LOMCE.

As entidades que compoñen a Plataforma realizaron tamén outras accións, como as intervencións nos Consellos Escolares de Galiza e do Estado (que abandonaron), a manifestación estudantil de 6 de febreiro ou a recollida de sinaturas contra a LOMCE entre o profesorado realizada pola CIG-Ensino e que superou as 10.120.

A folga do día 9 é un paso máis neste calendario de mobilizacións. Con todo debemos manifestar a nosa desconformidade co feito de que non se contase con esta Plataforma nin coas entidades que dela forman parte para consensuar a data, deixando á marxe ás galegas e aos galegos, até o extremo de propor unha data que é festivo en varias localidades, entre elas Compostela. 

"Estar na nas rúas ás 11:30 h. este xoves día 9 vai ser a nosa forma de dicir que SI estamos en folga, como alí se pode ver, e SI saímos á rúa para demostralo".

Máis de seis meses traballando para esixir a retirada da LOMCE. Estes días fanse os últimos esforzos, volvendo realizar charlas e falando cos sectores implicados, nomeadamente facendo asembleas co profesorado que está chamado a apoiar a folga ese día.

E ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións para nos facermos visíbeis. Estar nas rúas ás 11:30 h. este xoves día 9 vai ser a nosa forma de dicir que SI estamos en folga, como alí se pode ver, e SI saímos á rúa para demostralo. A nosa presenza nas rúas será a máis contundente contestación a unha Consellaría de Educación que non quererá aceptar os datos de participación. 

Convócase a folga para pechar as aulas e estar na rúa e algunhas sabemos que até as nais e os pais virán canda nós para se deixaren ver nas rúas das vilas e cidades e deixaren claro que non, que non estamos de acordo e por iso 

Esiximos a retirada da LOMCE!


Marta Dacosta maio de 2013.