Opinión

Póker de ases, 5 anos despois

En xuño de 2007, propoñía eu nun artigo titulado « Trío de Ases », na desaparecida plataforma dixital galeguista «Vieiros», que se dedicase o Día das Letras Galegas a tres poetas desaparecidos en idades aínda mozas como Fiz Vergara Vilariño (1953-1997), Lois Pereiro (1958-1996) e Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1985).

En xuño de 2007, propoñía eu nun artigo titulado « Trío de Ases », na desaparecida plataforma dixital galeguista «Vieiros», que se dedicase o Día das Letras Galegas a tres poetas desaparecidos en idades aínda mozas como Fiz Vergara Vilariño (1953-1997), Lois Pereiro (1958-1996) e Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1985). Procuraba antecedentes, para xustificar a inclusión colectiva no recoñecemento dispensado en 1998 aos Poetas Medievais da Ría de Vigo, Martín Codax, Johan de Cangas e Meendinho.

As escollas dos dous últimos anos foron personaxes benqueridos por min, primeiro Lois Pereiro, ao que coñecín en Compostela e co que falei pouco malia publicar os dous na mesma editorial, Edicións Positivas, do que tanto agarimo recibimos ambos; e Roberto Vidal Bolaño, home bo e xeneroso, co que falei máis e admirei moito, tanto polo seu labor no teatro como polo seu compromiso social. Mais que as escollas recentes fosen de escritores case vivos na memoria non quere dicir que o modelo sexa idóneo para lle dar pulo ás Letras Galegas.

O país é lento en reaccionar (véxase o insulto á razón das últimas eleccións, onde os electores escolleron a quen masacra os seus dereitos). O país é minúsculo na súa capacidade amatoria para aqueles que lle ofrecen o cento por un. O país é autoparódico e dalgún xeito iniciou hai tempo un suicidio colectivo como o do Monte Medulio. O país é así, mais a Academia, suponse que está integrada por individuos cunha formación avanzada, cunhas capacidades de vangarda cultural (se cadra é moito supoñer) e cunha visión de Galicia como tarefa no ronsel de Valentín Paz-Andrade. Suponse, pois funciona a impulsos, coma se tivese o corazón gastado e os latexos estivesen contados, fosen agónicos e desembocaran nunha arritmia pertinaz, predecesora do colapso, cunha falta de consonancia co ritmo dos tempos, co ritmo da vida, co ritmo dos impulsos recibidos do exterior.

No País máis venteado do mundo, as cousas non cambian dun día para outro e a persistencia no erro é característica senlleira. No país máis venteado do mundo compre facer propostas arriscadas para intentar acordar dun soño de séculos. Por iso repito a miña aposta de celebración múltiple, e aos nomes xa dados de Fiz Vergara Vilariño e Eusebio Lorenzo Baleirón, engado agora os de Luísa Villalta (1957-2004) e o de Xela Arias (1962-2003), que desapareceron un día –aínda novas- xerando gran dolor e conmoción.

Os que me coñecen un pouco saben que eu preferiría que a Real Academia Galega (identifícoa así pois sei que agora hai dúas a RAG e a Academia Galega da Lingua Portuguesa) dedicase o Día das Letras Galegas a un escritor vivo, para poder así celebrar unha literatura viva e non unha literatura morta, para que a mocidade puidese contar cun referente de literatura viva, para que os actos puidesen ser unha celebración que se estendese máis alá do 17 de Maio e o homenaxeado actuase como embaixador cultural do País Galego. Xa o teño expresado con reiteración e non vou argumentar máis nese sentido.

Queda dito, por segunda vez: ampliar os horizontes, ir pensando en mudar o modelo, avanzar, avanzar sempre.

Xavier Queipo

Bruxelas, Novembro 2012.