Opinión

Pokémon e a corrupción sistémica

O levantamento do segredo de sumario no caso Pokémon ten desatado unha considerábel vaga de indignación social

O levantamento do segredo de sumario no caso Pokémon ten desatado unha considerábel vaga de indignación social, perante a evidencia de que o bipartidismo español -PP e PSOE- ten tecido, desde as institucións públicas, unha máis ou menos sofisticada rede voltada para garantir a autorreprodución das súas cúpulas dirixentes. Clientelismo, nepotismo, financiamento irregular das campañas... Os indicios son abrumadores, como tamén o é o feito de as redes se intercambiaren e pasaren, sen solución de continuidade, do PSOE ao PP, do PP ao PSOE, tal e como ilustra a secuela coruñesa -Pikachu- da Pokémon.

A estrutura económica na que apostaron as elites do Estado cría o caldo de cultivo para a corrupción

Mais o que aquí importa é subliñar que non estamos perante tramas -Naseiro, Gurtel, Pokemon- episódicas, como se a corrupción for unha gripe estacional. Non, o que estamos é perante un fenómeno de corrupción estrutural, que remite para a propia natureza do rexime político estabelecido no Estado en 1978, bipartidista, negador do pluralismo nacional, antidemocrático e tamén cleptócrata.

O sistema alenta a anti-política

A estrutura económica na que apostaron as elites do Estado -a apropiación dos recursos públicos por parte de grandes empresas privadas parasitarias, primeiro no sector da construción, agora os ollos postos na sanidade e no ensino- cría o caldo de cultivo para a corrupción. Os hóldings privados que explotan as administracións públicas dedican unha porcentaxe da súa facturación a engraxar as arcas daqueles partidos que os acabarán favorecendo con contratas ou concesións.

Un par de apuntamentos finais. O sistema, que se sabe corrupto, é abondo intelixente para utilizar a corrupción como espantallo para estender a idea de que a política é unha actividade intrinsecamente perversa. O discurso da antipolítica é funcional para os corruptores e para os corruptos, pois afasta as cidadás e os cidadáns do espazo público. Blinda o crime organizado. Faino máis dificilmente fiscalizábel, ao provocar desestimento social.

E, por último, non perdamos de vista que no Estado español o principal financiador dos partidos sistémicos é a banca. Nin PP nin PSOE poderían sustentar os seus gastos disparatados se os bancos non lles condonaren as súas xigantescas débedas.

Comentarios