Opinión

Platón, Esperanza Aguirre, Rita Barberá, Ana Botella, Camps, Rajoy, Fabra e outros intelectuais exemplares

Platón dicía –e mira que me cae mal, pero nisto levaba razón- que os que nos gobernasen tiñan que ser os mellores dende un punto de vista intelectual. Por iso el identificaba aos gobernantes cos filósofos, en sentido literal, aqueles que aman a sabedoría. (Teñamos isto na cabeza para ler o que vou escribir agora).

Platón dicía –e mira que me cae mal, pero nisto levaba razón- que os que nos gobernasen tiñan que ser os mellores dende un punto de vista intelectual. Por iso el identificaba aos gobernantes cos filósofos, en sentido literal, aqueles que aman a sabedoría.

(Teñamos isto na cabeza para ler o que vou escribir agora).

Nos últimos anos, xentes que claramente son limitadas dende un punto de vista intelectual, persoas que cando abren a boca deixan claro que non saben practicamene de nada, ás que se lles nota a ignorancia, unha burremia da que incluso fan gala, seres que se amosan incapaces de facer dúas frases seguidas, e se unha delas é subordinada igual afogan, esas persoas, esas, precisamente esas, son as que ganan as eleccións. Probablemente isto ten que ver con algo que imaxino que sucede nos partidos políticos (en todos: non milito en ningún pero é doado imaxinar que así pasa con todos), que é que os que pensan por si propios, os que teñen ideas orixinais, os que destacan pola súa creatividade, probablemente eses non siguen consignas, non lle fan a pelota ao xefe e, daquela, probablemente non ocuparán, nunca, os primeiros postos nas listas. Se é que aguantan dentro da estrutura do partido, claro.

Ana Botella é alcaldesa de Madrid. Alguén a viu algunha vez falando de calquera cousa cun mínimo de complexidade? Lembrades aquilo das peras e das mazás? Epi e Brais explicábanse infinitamente mellor ca ela. Mais Ana Botella é alcaldesa.

Esperanza Aguirre destila violencia en moitas das súas declaracións, deixando claro que non é unha persoa ponderada, racional, equilibrada nin ecuánime, virtudes que se esperan de quen se dedica á política e ao goberno. Dá a entender que non lle importan os que están nos peores lugares da escala social, cando deberían ser a súa prioridade. E hai toda unha colectánea de paridas recopiladas por aí e que saíron da súa boca que farían enroibecer de vergonza á persoa máis descarada. É limitadiña. Non direi que non sexa espabilada. Pero aínda así consigue a maioría nas votacións.

Mariano Rajoy, Camps, como algúns outros, destilan superficialidade, unha utilización das neuronas tirando a baixo. Non falan, non argumentan, non dan razóns, motivos ou datos…dan consignas, repiten mantras, manexan conceptos contraditorios con absoluta normalidade, entre outras cousas porque, creo, tampouco entenden moi ben a realidade que teóricamente manexan.

Fabra era un señor con gafas escuras –coma os yeyés da canción de Reixa- de noite e de día, que dicía que tiña un aeroporto propio. Un caciquiño, como moitos dos que coñecemos polo noso país, fabricante de simplezas en cantidades industriais.

Algo vai mal cando os mediocres, os simples, os medianos, teñen o poder. E o problema, non vos enganedes, non é deles. O mal é dunha sociedade que decide emparvecerse, quizais voluntariamente, para así non ter que pensar. A fin de contas, os gobernantes que nos merecemos.

Platón, de vivir hoxe, iría correndo a suicidarse.

Comentarios