Opinión

Pilar Fidalgo: o primeiro testemuño feminino da represión franquista.

Ao carón dun home que sofre a represión do fascismo franquista está unha muller que sofre a represión do fascismo franquista. A zamorana Pilar Fidalgo, muller do socialista lugués José Almoina, quen anos máis tarde se exiliaría e sería asasinado por outro ditador: Trujillo.

Ao carón dun home que sofre a represión do fascismo franquista está unha muller que sofre a represión do fascismo franquista. A zamorana Pilar Fidalgo, muller do socialista lugués José Almoina, quen anos máis tarde se exiliaría e sería asasinado por outro ditador: Trujillo.

O golpe de Estado fascista sorprende o matrimonio Almoina-Fidalgo en Benevente. Almoina pretende marchar ao norte e apoiar a causa da defensa da República. Quere levar a súa muller e os seus fillos pero, debido ao avanzado estado de embarazo de Pilar, é imposíbel. Almoina confía en que respectarán a súa muller e fillos pois a súa sogra fora a mestra de xeracións de homes e mulleres de Benavente e era unha persoa querida e respectada, pero pouco lle valeu a Pilar o historial de filla da mestra da vila. O 16 de setembro de 1936 nace Helena Almoina Fidalgo e o 6 de outubro ambas as dúas, nai e filla, son detidas e encarceradas pola Garda Civil española. Acusada de ser a muller dun socialista, pasarán na cadea longos meses até o intercambio por prisioneiros fascistas, familiares do xeneral vallisoletano Semprún, encarcerados no lado republicano.

"Durante cinco horas dunha noite clara e fría oímos os berros de dor das vítimas martirizadas. Escoitabamos os estalos dos látegos sobre a carne dos prisioneiros, os insultos feroces dos verdugos mesturados cos alaridos dos desventurados"

Unha vez en liberdade, marchan cun posto diplomático a Toulouse. No Estado francés Pilar Fidalgo escribe o primeiro testemuño feminino da represión fascista contra as mulleres baixo o título Unha nai nova nas prisións de Franco, Une jeune mère dans les prisons de Franco. 

 Aquel testemuño, antes de converterse en libro, foi reproducido por El Socialista en tres entregas durante o mes de maio de 1937 e publicado en inglés en 1939 pola United Editorial. En 2009 rescatei o texto francés e fixen a primeira tradución para o galego, da que reproducimos un parágrafo:

«Durante cinco horas dunha noite clara e fría oímos os berros de dor das vítimas martirizadas. Escoitabamos os estalos dos látegos sobre a carne dos prisioneiros, os insultos feroces dos verdugos mesturados cos alaridos dos desventurados, os golpes, o choque dos corpos lanzados contra as paredes. Oíanse lamentos afogados e roucos, outros arrepiantes que parecían os berros dos nenos afectados de meninxite».

 Cómpre non esquecer, por Pilar e por todas as que anonimamente sufriron. 

Comentarios