Opinión

Piares que nos manteñen en pé

A Asociación de Medios Publicitarios de España ven de conceder un premio, un AMPE de Prata, á campaña da Xunta “Sen mulleres non hai Galicia”, campaña que o goberno galego puxo en marcha co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. E cando me chegou a noticia, inda que poida resultar estraño, tiven un sentimento de desacougo.  Lembrei a campaña, lembrei que falaba das mulleres coma piares de Galiza, mais lembrei que a propia campaña axudaba no traballo emprendido por este goberno do PP de derrube e demolición doutro (un dos máis importantes) dos piares de Galiza: a lingua.

Lembremos o spot publicitario desta promoción. Un vídeo curto no que, unha tras doutra, varias mulleres dicían: “eu son Pilar”, e unha voz en off feminina remataba dicindo: “en Galicia somos 1.445.831 mulleres, e todas somos Pilar” para continuar: “as mulleres somos un piar fundamental da economía de Galicia”. 
De entrada, eu diría que as mulleres non somos só un piar fundamental da economía, o sostén que achegan as galegas vai moito máis alá do económico. Mais este sería un debate para un outro artigo. O que eu quero salientar é a farsa desde a que esta campaña está ideada. Posto que está pensada en español e, deste xeito, o xogo de palabras que se pretende non resulta tal. As mulleres somos piares, si, mais que ten isto a ver con “eu son Pilar”? Pois claramente que “Pilar” é a tradución ao español de “piar”. Nin máis nin menos. E así, a Xunta de Galiza emite unha campaña na que enxalza ás mulleres como piar económico de Galiza asestando un outro golpe ao piar identitario fundamental desta nación.

"A Xunta de Galiza emite unha campaña na que enxalza ás mulleres como piar económico de Galiza asestando un outro golpe ao piar identitario fundamental desta nación".

Esta campaña feita en español para as mulleres de Madrid, ou de Murcia, merecería ben seguro ese premio que lle acaban de outorgar. Mais esta campaña acomplexada e prexuizosa, pensada en español para as mulleres de Galiza só merece crítica.

As mulleres somos piares fundamentais para Galiza, si, inda que dubido moito da sinceridade desta Xunta retrógrada do PP cando isto afirma, sobre todo vendo as políticas regresivas que se aplican, e que condenan ás mulleres ao ostracismo e a discriminación. As mulleres somos piares, eu son un piar, pode ser. Mais eu non son “Pilar”.

A lingua é a columna vertebral do noso pobo, a lingua é o piar que nos mantén en pé. E tamén aquí, a Xunta de Galiza en mans do PP é unha potencia demoledora e destrutiva. Queren derrubar os piares de Galiza, mais hai obreir@s para manter a obra erguida.

Comentarios