Opinión

Perseguidos por defender a lei e estranxeiras na propia patria.

Nesta sexta feira día 10 de maio, ás 10h, estaremos unha vez máis diante do edificio da Audiencia Provincial da Coruña, onde se levará a cabo este segundo xuízo, apoiando a Carlos e a súa (nosa) defensa do galego, mais tamén esixindo o mesmo ca el: que se cumpran as escasas leis que amparan a nosa lingua e a quen a falamos, que poidamos relacionármonos coa xustiza en galego, que non teñamos que nos sentir estranxeiras na propia patria.

Estes días áchome inmersa nos traballos de organización previos á manifestación que desde a Plataforma Queremos Galego vimos de convocar para o vindeiro día 17 de maio (12h, Alameda de Santiago).

Ás reivindicacións que vimos defendendo desde o nacemento da plataforma (de rectificación da política lingüística do goberno, de lle por freo aos grandes e graves retrocesos que o galego ven padecendo, reivindicacións, en fin, de normalidade para a nosa lingua) sumamos nesta data tan importante a conmemoración dun feito que supuxo un impulso e un recoñecemento fundamental para o noso idioma: a publicación, hai 150 anos, do libro Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, o libro que recuperou o galego para a literatura escrita após os séculos escuros. 

 "Hai ocasións en que non só non pode unha persoa galegofalante expresarse na súa lingua con normalidade e tampouco, ao que parece, podemos defender a pouca legalidade que nos ampara"

O feito de que este ano se cumpra este aniversario fai que a mobilización que impulsamos, unha vez máis, para nos defender, como pobo e como galegofalantes, reciba ademais un alento motivador que semella enviado pola propia Rosalía na vixencia dos seus versos. De feito, o lema escollido para a manifestación do 17 de maio non é outro que a adaptación dun verso da poeta que recolle en si mesmo o noso maior devezo: non ter que sentirmos nunca estranxeir@s na nosa patria.

Lamentabelmente, na actualidade, hai ocasións en que non só non pode unha persoa galegofalante expresarse na súa lingua con normalidade, sen se sentir cando menos centro das miradas, senón que tampouco, ao que parece, podemos defender a pouca legalidade que nos ampara. Así, o portavoz da Plataforma Queremos Galego e Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, está sendo vítima dun terríbel caso do que eu chamaría “acoso xudicial”. Non sei con qué outras palabras se podería expresar o que trata de levar a cabo o señor Fraga Mandián, que claramente facendo uso do seu coñecemento e influenza no entorno xudicial, ven de conseguir (algo inusual e moi infrecuente nos tribunais) que un xuízo que xa fora sentenciado, absolvendo Carlos Callón de non se sabe moi ben qué acusacións, se repita agora con outro xuíz, e veremos se, como parece albiscarse, con outro resultado. Sinxelamente por lle ter lembrado o presidente da Mesa ao señor Fraga Mandián a súa obriga de respectar as leis, máxime sendo membro da xudicatura.

"Carlos Callón, está sendo vítima dun terríbel caso do que eu chamaría “acoso xudicial”.

Nesta sexta feira día 10 de maio, ás 10h, estaremos unha vez máis diante do edificio da Audiencia Provincial da Coruña, onde se levará a cabo este segundo xuízo, apoiando a Carlos e a súa (nosa) defensa do galego, mais tamén esixindo o mesmo ca el: que se cumpran as escasas leis que amparan a nosa lingua e a quen a falamos, que poidamos relacionármonos coa xustiza en galego, que non teñamos que nos sentir estranxeiras na propia patria.
Unha razón máis para nos mobilizar o vindeiro 17 de maio é esta persecución a quen falamos galego sen complexos e defendemos o dereito a facelo sen atrancos. Agora e sempre, nós Queremos Galego!

Comentarios