Opinión

Pequeno comercio: entre os varapaus e as alternativas

A definitiva posta en práctica da Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 -activada pola eliminación dos contratos de renda antiga anteriores a maio de 1985- representa un novo varapau para o pequeno comercio. 

A definitiva posta en práctica da Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 -activada pola eliminación dos contratos de renda antiga anteriores a maio de 1985- representa un novo varapau para o pequeno comercio. Estamos, non o esquezamos, perante unha lei aprobada por un goberno do PSOE e que agora rematará por aplicar, após dúas décadas de conxelación, o Partido Popular. Hai que inserir este ataque, necesariamente, no neoliberalismo que caracteriza as economías occidentais desde os anos 80 do pasado século e, máis en concreto, na servidume que os diferentes gobernos teñen mostrado a respeito dos intereses dos grandes oligopolios que controlan o comercio.

Fecharán moitos pequenos estabelecimentos e mudará de vez a face das nosas cidades. Os centros urbanos ou se abandonan ou fican baixo o dominio das grandes cadeas de distribución comercial, as únicas que poden suportar alugueres de miles de euros.

Isto vaise facer perante a absoluta pasividade da Xunta de Galiza, que nen por asomo fai o máis mínimo amago de utilizar o seu marco competencial para despregar medidas amortecedoras do impacto da aplicación desta lexislación. 

Si é posíbel un comercio retallista galego con futuro, sempre e cando conte cun aliado no goberno da Galiza

Non é certo que o pequeno comercio sexa arcaico e as grandes superficies, o paradigma da modernidade. Acreditar niso é acreditar nunha ideoloxía ao servizo duns intereses moi concretos. Si é posíbel un comercio retallista galego con futuro, sempre e cando conte cun aliado no goberno da Galiza. É preciso mudar radicalmente as políticas en materia de comercio: apostar na innovación, na formación, na información, na diversificación, na inter-relación con sectores vinculados á economía do país, como a cultura, a hostalaría, a artesanía...

E agora que estamos a escasos 4 meses das eleccións municipais cómpre tamén o desenvolvimento de políticas públicas desde os concellos que amparen e salvagarden o comercio local, de proximidade, galego. Nese sentido, o modelo Pontevedra ten demostrado desde hai anos que si é posíbel limitar a presenza dos grandes monstros da distribución comercial e si é posíbel recuperar o centro das cidades co pequeno comercio, renovado, como estandarte.

Comentarios