Opinión

Un patrimonio que ten quen o defenda

A boa noticia é que, si, o patrimonio ten quen o defenda. A má noticia é que non é o goberno galego, a administración competente na materia, quen exerce esa defensa.

A boa noticia é que, si, o patrimonio ten quen o defenda. A má noticia é que non é o goberno galego, a administración competente na materia, quen exerce esa defensa. É por iso, por esa actitude de desleixo da Xunta, que desde a base da sociedade teñen agromado millentas iniciativas sociais visando garantir a protección do conxunto de bens materiais e inmateriais que constitúen as pegadas da nosa memoria e que explican de onde vimos e o que somos como pobo.

Falamos de iniciativas sociais tan estimulantes como Patrimonio Galego, unha entidade que xa ten catalogado máis de 6.500 bens culturais en todo o territorio da nación galega, e que mesmo ten elaborado unha "lista vermella" con aqueles que se achan en perigo. Debería causar bochorno en Monte Pío que esa lista non a tivese elaborado hai xa moitos anos o propio Goberno galego. Claro que para sentir embarazo previamente cumpre ter certa sensibilidade e as inclinacións do PP galego están máis próximas da grosería sexista que destila o subsidiado vídeo de Enrique Iglesias do que do mínimo respecto ao noso patrimonio cultural. Auto-odio chámase a figura.

As inclinacións do PP galego están máis próximas da grosería sexista que destila o subsidiado vídeo de Enrique Iglesias do que do mínimo respecto ao noso patrimonio cultural

Non podemos menos que saudar, desde Sermos Galiza, o impulso social que no noso país é felizmente tan intenso en defensa dos bens culturais que esta nación deu producido ao longo da súa historia. Neles está contido o noso pasado, mais neles -no seu respecto, na súa posta en valor- está tamén contida a semente do noso futuro. Non ten ningún porvir un país que non terma daquilo que lle legaron as xeracións precedentes.

A precondición necesaria para respectarmos o noso patrimonio é coñecelo. Os nosos bens culturais continúan a ser grandes descoñecidos. Nese sentido, moi pouco, ou case nada, teñen feito os medios de comunicación de titularidade pública para popularizar, para socializar, o noso rico patrimonio cultural.

En definitiva, neste campo está case todo por facer e, en ausencia de goberno, a esperanza está na auto-organización social en defensa daquilo que nos pertence e nos identifica como galegas e galegos.

Comentarios