Opinión

Pasada a reflexión, é a hora de votar

A lexislación electoral española establece que desde as cero horas do día anterior á celebración dunhas eleccións non se pode difundir propaganda electoral nin celebrar actos de campaña. Isto é así en virtude da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

A lexislación electoral española establece que desde as cero horas do día anterior á celebración dunhas eleccións non se pode difundir propaganda electoral nin celebrar actos de campaña. Isto é así en virtude da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral. Segundo isto, o día vinte de outubro é un día de “veda electoral” mediante o que se pretende que o electorado “reflexione” sobre as mensaxes e as propostas recibidas durante a campaña e que esa reflexión se faga nun contexto exento de presión externa que poida condicionar o voto.

Á marxe dos debates existentes sobre se debe haber ou non unha xornada de reflexión (cuxa existencia e restricións varían moito duns sistemas para outros e que, certamente, se mostra como un elemento algo anticuado nun tempo en que a tecnoloxía permite chegar a millares de persoas de maneira paralela á lei: quen pode impedir que os cidadáns pidan o voto a través das redes sociais, ou que un xornal que ten o seu sitio web noutro estado publique sondaxes?), o certo é que todos os expertos coinciden en afirmar que esta xornada, aos efectos de definir a intención de voto, non serve absolutamente para nada pois o electorado chega a esta xornada coa decisión perfectamente tomada e co voto totalmente definido, cousa lóxica pois, noutro caso, estaríamos en presenza dunha informe masa de votantes totalmente desideoloxizada e desmemoriada que se guiaría, á hora de exercer o voto, máis por impulsos e por fobias do que por unha idea de contribuír, co seu voto, á transformación social.

Pasada a reflexión, chega a hora de votar, de optar.

E xa que toca votar, fagámolo tendo en conta as medidas levadas a cabo, ou propostas, polas diferentes forzas políticas para loitar contra o desemprego e o incremento das desigualdades sociais nos derradeiros anos. Votemos comprobando que forzas obedecen os ditados dos “mercados” e cales outorgan primacía ás necesidades das persoas. Votemos pensando nas forzas políticas que priorizan no seu programa a xeración de emprego digno e estábel, incentivando a capacidade produtiva dos sectores económicos básicos do país fronte ás que por riba de todo prefiren a deslocación do emprego ou o traballo en precario como instrumento de control social. Votemos as forzas que abandeiran unha contribución impositiva na que as rendas do capital son a base da recadación (e non os impostos indirectos ao consumo e ás rendas do traballo). Votemos as forzas que desenvolven iniciativas destinadas a aplicar políticas de emprego xuvenil e non as que ven na emigración unha saída para a mocidade. Votemos a quen promove actuacións destinadas a avanzar na efectiva igualdade en todos os ámbitos sociais e económicos e non a quen propón e leva a cabo políticas de recortes no ámbito social, a quen privatiza a sanidade ou o ensino. Votemos por quen aposta pola transparencia nas institucións e a democracia como elemento de control da economía fronte a quen opta por transferir as decisións a entidades especulativas que só perseguen manter altas taxas de beneficio a custo do benestar e a calidade de vida das maiorías sociais.

O día 21 o importante é VOTAR.

VOTEMOS, pois.

Comentarios