Opinión

Partillarmos os relatos para nos liberar

Para Tinucha, a miña madriña, 
un ano despois

Denunciamos estes días a hipocrisía de deputadas e deputados da dereita, por afirmaren demagoxicamente estar coas persoas afectadas polo engano das participacións preferentes e subordinadas mentres votan a favor da quitación dun 43% inicial destes aforros e, desta maneira, condenan a nosa nación a unha nova sangría económica. A fraude é clara, os culpábeis tamén. Porén, son as vítimas as que teñen que se enfrontar con dignidade sen se deixaren engaiolar por cantos de serea dunha solución que só pode ser política e colectiva.

"Sen un planificación acaída que teña os seus alicerces na raíz da violencia e nunha idea de xustiza que parta do contexto en que nos inserimos, as recomendacións de denuncia poden rematar por ser trampas mortais"

Tamén no caso da violencia de xénero padecemos un sistema que fai previsión dunha redución orzamentaria para as vítimas poderen refacer a súa vida, argumentando que vai haber menos denuncias. Morto o can, acabouse a rabia. Propomos, pois, eliminar as axudas... e as denuncias. Quizais haxa quen pense que coa invisibilización –como aconteceu noutrora– xa non existirá a violencia. Mais o maior dos paradoxos é pretender compatibilizar o feito de afogar as medidas de protección coa irresponsabilidade que, nese caso, significa deitar unha e outra vez a frase de “denuncia, denuncia...”, mais non denuncies a policía, nin que non se cumpran os protocolos de actuación, nin que non funcione correctamente o 016... Porque sen un planificación acaída que teña os seus alicerces na raíz da violencia e nunha idea de xustiza que parta do contexto en que nos inserimos, as recomendacións de denuncia poden rematar por ser trampas mortais: moitos diagnósticos para poucos tratamentos, se empregarmos o símil médico. Por se isto fose pouco, estamos a asistir ao esperpéntico proceso de seren as asociacións que traballan coas vítimas as que teñen que pasar a declarar como imputadas. Inténtase así silenciar a súa voz, pois non esquezamos que a súa actividade é fundamental para avaliar e denunciar (“denuncia, denuncia...”) a falsa idoneidade dos medios de que dispomos para afrontar minguar as debilidades que se derivan de tomar decisións valentes, mais arriscadas. Porque valentía é a que demostran moitas mulleres que deciden denunciar e pór un “abonda” nas súas vidas, un acto de enerxía que debería corresponderse coa admiración xeral da cidadanía e coa posta en funcionamento de todos os mecanismos precisos para protexérmolas. 

 "Podemos estremecernos de contabilizarmos as mulleres que morreron non a mans dos seus maltratadores, mais que foron maltratadas, con consciencia ou non do seu contorno máis próximo"

Sabemos ben que hai moita máis violencia que aquela que recoñecemos como tal. Mesmo podemos estremecernos de contabilizarmos as mulleres que morreron non a mans dos seus maltratadores, mais que foron maltratadas, con consciencia ou non do seu contorno máis próximo. Vivimos nunha sociedade que posúe un perfil moi baixo na detección deste tipo de violencia, un perfil que se acentúa aínda máis cando detectamos un caso e non sabemos como actuar. Unha certa sensibilización social, conquistada polo movemento feminista que sae á rúa cada vez que hai un asasinato, non ten a súa translación a unha formación básica sobre os síntomas da violencia, o seu significado e as mellores opcións para intervir. Non falamos, claro está, de necesidades a medio e longo prazo, fundamentalmente educativas e de aposta por unha transformación social radical que consiga acabar coas relacións de dominio e, moi concretamente, cun patriarcado que nos últimos tempos está a se reforzar día a día e do que sentimos o bafo na caluga. 

"Son heroínas cuxa historia debe formar un relato partillado pola comunidade para nos liberar"

Cómpre sermos conscientes de que moitas mulleres asasinadas remataron desa maneira por se oporen con forza ao destino marcado polo agresor. De entre todas elas, heteroxéneas, de diferentes clases sociais, con ou sen recursos, cidadás todas do mundo patriarcal que nos oprime, existe un perfil que nos debía emocionar especialmente. Eu xa era consciente deste agrupamento e do seu significado antes de a violencia irromper na miña vida dunha maneira tan directa como para segar a vida da miña madriña hai hoxe un ano, mais a súa evidencia paralizoume inicialmente. Trátase de mulleres de certa idade, mulleres con algún grao de independencia económica e algunhas afeccións que aguantaron distintas formas de violencia durante anos polas fillas, polos fillos, pola familia..., e por refuxiárense nun contorno laboral con poucos tempos e escasas condicións para o enfrontamento directo. Mais chega a idade da xubilación e agroman as aspiracións de vivir doutra maneira, aparecen tempos para partillar afeccións, coñecen espazos de encontro e de afecto entre outras amizades..., e a espiral acelera os seus ritmos. Moitas destas mulleres renuncian a ser e, por iso comentaba máis arriba, son vítimas non asasinadas polos seus homes. Hai centos delas. Cadaquén de nós coñecemos unhas cantas. Outras tiveron a coraxe de enfrontaren o problema e decidiron separarse, arreporse, vivir como desexaban, aproveitar os anos que tiñan por diante para procurar pequenas felicidades. Son heroínas cuxa historia debe formar un relato partillado pola comunidade para nos liberar. 

Comentarios