Opinión

Un Parlamento secuestrado polo Executivo

"A miña palabra é o regulamento desta Cámara". A frase é de Pilar Rojo, presidenta do Parlamento galego

"A miña palabra é o regulamento desta Cámara". A frase é de Pilar Rojo, presidenta do Parlamento galego, e trae ecos do "Je suis la France", a caudillista sentenza de De Gaulle. Ela é o Parlamento galego, vénnos dicir a titular da Cámara que en teoría representa a vontade das cidadás e dos cidadáns da Galiza. Mais nin é así: na realidade, Pilar Rojo non deixa de ser máis que un pión do taboleiro de Feijóo, o cal é extraordinariamente grave, pois poucas cousas hai máis necesarias nunha democracia do que a autonomía do poder lexislativo a respecto do executivo.

Non temos un Parlamento digno de tal nome no noso país. Esta semana vivimos un feito verdadeiramente inaudito. Por vez primeira na historia, o grupo parlamentario do BNG vaise ver privado do seu dereito a exercer o labor de fiscalización do goberno na sesión de control ao presidente da Xunta. A exclusión. O veto. O autoritarismo. Todo isto está nas antípodas do que debería ser o funcionamento dun Parlamento nunha democracia minimamente avanzada.

As escusas postas polo PP, co apoio do PSOE, para reducir a capacidade de intervención de BNG e AGE non se teñen de pé. Bastaría con alargar a duración dos plenos para non lesionar os dereitos das e dos parlamentarios afectados, que é tanto como lesionar os dereitos das e dos cidadás.

Comentarios