Opinión

Paracetamol para o sistema financeiro

Deste xeito tan gráfico resumiu un dirixente europeo a operación de rescate á banca. Cando menos un xeito curioso de definilo, non? Mais o que a min máis me chamou a atención foi o que este tipo (do que non puiden reter o nome) afirmou despois. Como calquera de nós cando nos doe a cabeza podemos tomar unha aspirina, o sistema financeiro tamén ten dores e dámoslle paracetamol, neste caso un paracetamol de 100.000 millóns.

Deste xeito tan gráfico resumiu un dirixente europeo a operación de rescate á banca. Cando menos un xeito curioso de definilo, non? Mais o que a min máis me chamou a atención foi o que este tipo (do que non puiden reter o nome) afirmou despois. Como calquera de nós cando nos doe a cabeza podemos tomar unha aspirina, o sistema financeiro tamén ten dores e dámoslle paracetamol, neste caso un paracetamol de 100.000 millóns. Mais destacou esta persoa que o importante non é esta inxección de paracetamol, o importante é detectar a causa que nos levanta esa dor de cabeza, é dicir, a enfermidade que leva ao sistema financeiro a necesitar 100.000 millóns de euros.

E pensei eu para min, tate!, por fin un dos dirixentes do sistema a facer autocrítica. Mais que ninguén se asuste. Este precavido dirixente non fixo nada disto. Unicamente afirmou que o importante é que os españois consigan agora saber que os levou ata aquí para poder corrixir estes erros.

Ben, como vemos non nos solucionou o misterio mais vemos que hai xente a pensar nisto.

A min, que queredes que vos diga, pois isto veume a enlazar cunha entrevista que lin o outro día. Era dun executivo de non sei que grande empresa que era entrevistado nun destes suplementos económicos que traen os xornais os domingos. A este home preguntábanlle pola crise española, por iso que levou á UE a ter que inxectar 100.000 millóns ao Estado Español. Este executivo, afincado en USA,dicía que só hai tres maneiras de criar riqueza para un país: explotar os recursos naturais, desenvolver a agricultura ou impulsar o sector manufactureiro. En resume: ou somos ricos, ou producimos algo ou creamos industria, non? Manda truco!, pensei, este si que a cravou...

Ademais, este home dicía que os servizos son importantes, porque distribúen a riqueza, mais se non se crea nova riqueza non hai nada que distribuír. E iso, sentenciaba, é o que lle sucedeu ao Estado Español, tiña un grande sector de servizos pero coa crise a riqueza esfumouse. Haberá que volver ás orixes.

Esta última frase deixoume despistado, ...as orixes...

Para acabar de completala, hoxe na radio un comentarista informaba dunha caída do indicador de actividade do sector servizos no Estado Español, tanto en emprego como en cifra de negocio. Era o que nos faltaba.

Non vai quedar máis remedio que subscribir a sentenza do meu executivo afincado nos USA: teremos que volver ás orixes.

Que conste que eu xa teño oído moitas veces esta frase máis nunca por alguén tan sabido e importante. Miña avoa sen ir máis lonxe sempre dicía: xa verás como habemos de acabar volvendo todos á terra... que non se pode con tanta soberbia...

Agora o vexo! Que razón tiñas, miña avoa, eu espero non despistarme desta volta!

Xoán Allegue, responsábel comarcal do BNG no Salnés

Comentarios