Opinión

Para o PP todo é manipulación

O PP ten unha serie de rutinas moi instaladas como funcionamento orgánico referido a todo o que teña que ver cos medios de comunicación cando informan dalgo que non lles gusta (por exemplo que o actual presidente da Xunta tiña amizade cun narco ou que non dixo a verdade sobre o momento en que rachou esa amizade): que todo é manipulación. Como nos queren sumisos e escravos, entenden que informar, se a eles non agrada ou prexudica os contidos desa información, é manipular. Os xornais, nos que alcaldes, deputacións, e a propia Xunta, meten tantos cartos, so deben, segundo o seu clientelar concepto, consecuentemente, facer de altofalantes do que dende o poder se emite, e se fan de verdade o seu traballo, daquela, é que manipulan. Debe de ser por iso que nos últimos tempos ou non comparecen diante da prensa ou "avisan" de que non vai haber preguntas, non vaia ser que alguén pregunte o que non se debe preguntar (e xa dixen moitas veces que os periodistas deben negarse a asistir a roldas de prensa na que se lles prohiba preguntar; ou non lles queda dignidade?).

E así, saen as fotos e Roberto Blanco Valdés, entre outros, apresúrase a falar de amarelismo e manipulación.Ou como cando foi o Prestige e o ministro encargado falaba de "hilillios" e outros se dedicaban a contar a verdade. Eles falaban de manipulación e os jimenezlosantos de por aí atacaban con fereza criminal á xente de Nunca Máis acusándoos de manipular. Aínda que, con total claridade, o que era manipulación era o que aquel ministro, actual Presidente do Goberno, pretendía que os xornalistas espallasen sen investigar nin contrastar, aceptando como Dogma Mariano de Fe que non pasaba nada, a saber, a mentira, que, ata onde eu sei, é o contrario da verdade.

"A verdade é a verdade. Mais cando non lles gusta é manipulación".

Eles saben que é importante que a verdade non se coñeza porque, se tal acontece, os votos marchan. Quizais por iso, cando os atentados de Atocha, ás poucas horas, Aznar, daquela Presidente, monta un gabinete de crise no que ademais dos ministros están o responsable de prensa e os xefes da campaña electoral do partido pois, naquela altura, o que menos lles preocupaba eran as vítimas, senón que a sociedade pensase que era ETA e non os que en realidade naquel instante xa sabían que era, pois iso podería facerlles perder as eleccións. Quixeron manipular a todo o mundo e saíulles todo do revés de como esperaban.

E agora, co asunto dos movementos contra os desafiuzamentos, dende o PP repítese que non é máis ca unha campaña contra eles. E falan de manipulación dende a esquerda co único obxectivo de sacalos do poder.

A verdade é a verdade. Mais cando non lles gusta é manipulación. Aínda que tamén ten a súa lóxica que o digan. De manipular, eles saben un cacho.

Comentarios