Opinión

Para cambiar de verdade o mundo (e Galiza)

Eu, usuario entregado convencido absoluto talibán profeta un chisco compulsivo das redes sociais, morro ás veces da risa ao comprobar como polo xeral moita xente confunde a ampla difusión dunha campaña (tropecentosmil gústame, montesmundosmoreas do enlace compartido, etc.

Eu, usuario entregado convencido absoluto talibán profeta un chisco compulsivo das redes sociais, morro ás veces da risa ao comprobar como polo xeral moita xente confunde a ampla difusión dunha campaña (tropecentosmil gústame, montesmundosmoreas do enlace compartido, etc.) co feito de que esa realidade que se denuncia ou ese obxectivo que se persegue, realmente mude ou se consega polo simple feito precisamemte desa impresionante difusión viral. E así todos recibimos ao longo da semana varias ofertas para sumarnos ao grupo deamigos dos cans abandoados (que está moi ben) ou pídelle a Rajoy que afeite a barba, por inventarme un grupo que (imaxino) non existe.  

Esta forma de ciberactivismo que, insisto, en principio está moi ben, adoita expanderse e morrer, polo xeral, no seo das propias redes nas que naceron, participadas, na meirande parte das veces polos xa convencidos para a causa, e rematan sendo, no fondo, contraproducentes dende un punto de vista político, porque lles permiten vivir a ficción da acción polItica a moita xente que, despois de todo e por esa confusión entre o virtual e o real do que antes falaba, deixa de actuar no mundo físico, na acción política concreta que son as manifestacións, a resposta ás convocatorias de protesta, as folgas e, por suposto, o voto consciente e responsable (moita xente da que sóciberactúa -e daquela quéixase e quéixase nunha anotación tras outra- logo non pasa polas urnas para, de verdade, contribuir a mudar as cousas.

As redes sociais son unha das mellores cousas que nos pasaron neste pouco que levamos do século XXI. Permítennos espallar a nosa voz crítica, loitar pola defensa de moitas boas causas, e aunar esforzos da man de moita xente que, de elas non existir, quizais non teriamos nunca chegado a coñecer e que pensan coma nós e que, coma nós, soñan cun mundo mellor. Mais eses beneficios innegables non serven en realidade para nada se finalmente non damos apagado o facebook para baixar ao mundo, sacudilo, e así cambialo.

O mundo, e Galiza, poden mudar. Pero non se van facer dende o polgar para arriba do facebook.