Opinión

Sobre pactos e estratexias post-24M

A proba evidente de que o 24M foron unhas primarias das eleccións xerais é que xa o 25M os estados maiores das distintas forzas políticas fervían coa política de alianzas e de pactos nas cabezas.

A proba evidente de que o 24M foron unhas primarias das eleccións xerais é que xa o 25M os estados maiores das distintas forzas políticas fervían coa política de alianzas e de pactos nas cabezas. Alianzas para gobernar os concellos e alianzas para conformar candidaturas ou blocos eleitorais para as eleccións lexislativas que moi probabelmente convocará Rajoy a finais do mes de novembro (salvo que dea a sorpresa e chame ás urnas o 27S para sabotar as plebiscitarias de Mas e Junqueras). O taboleiro rexista unha inestabilidade enorme, coas forzas emerxentes a premer sobre o bipartidismo e cun nacionalismo galego que ten nas xerais un enorme desafío após 2 décadas consecutivas de presenza no Congreso dos Deputados. Nas próximas semanas, os distintos actores irán perfilando mellor as súas posicións, todos marcándose a todos, sen que ninguén acabe de ter totalmente a iniciativa.

 Nas próximas semanas, os distintos actores irán perfilando mellor as súas posicións, todos marcándose a todos, sen que ninguén acabe de ter totalmente a iniciativa

O PP tenta aterrar nun escenario en que é primeira forza no país, mais está a mercede das forzas da oposición sendo que non ten apenas con quen pactar. O PSOE aspira a reconstruírse sobre a base do goberno de Vigo e da súa hexemonía en tres das catro deputacións. As Mareas procuran algunha forma de articulación territorial supra-municipal e teñen pendente a resolución do seu problemático diálogo con Madrid (Podemos). E o BNG reivindica a súa condición de forza de goberno victoriosa en concellos nos que defendía a súa xestión, ao tempo que debate no ámbito das asembleas abertas -sen dúbida estas constitúen unha achega moi positiva para o nacionalismo galego- sobre por que non consegue empatizar con determinadas correntes de opinión social nas cidades.

Os pactos que se substancien en concellos e deputacións están moi condicionados pola marcaxe que as distintas forzas se fan entre si e pola competencia en espazos fronteirizos que sen dúbida existe entre o nacionalismo e a esquerda estatal.

Outra cousa é o escenario cara ás xerais. Aí está clara a aposta do BNG nunha lista de país, con denominación de orixe galega, e tamén a aspiración do mundo AGE-Mareas a conseguir un acordo con Iglesias.

Comentarios