Opinión

Outro día sen sol

Acordei cedo hoxe porque a planificación programada desde varias pólas esixía rigorosa e sincronizada temporalización.Derrotoume descubrir, outra mañá, o caprichoso sol acubillado, morriñento e sen vontade de querer cumprir cos deberes que lle corresponden na cronoloxía sucesiva de follas penduladoras que puntualmente nos ofrece na terraza a “Panadería Alpa”.Reencontreime con X.

Acordei cedo hoxe porque a planificación programada desde varias pólas esixía rigorosa e sincronizada temporalización.

Derrotoume descubrir, outra mañá, o caprichoso sol acubillado, morriñento e sen vontade de querer cumprir cos deberes que lle corresponden na cronoloxía sucesiva de follas penduladoras que puntualmente nos ofrece na terraza a “Panadería Alpa”.

Reencontreime con X. e cumprín a promesa de lle entregar a reprodución daqueles cartaces que lle correspondían, como agradecemento pola súa estimábel colaboración realizada gratis et amore, a este pensionista ou representante de clases pasivas (aí queda iso! que se note quen traballa e quen non neste país que xa se sabe que hai moito vicio!!).

Continuei o meu GPS particular, ben secuenciadiño para aproveitar o camiño urbano a pé e prescindir do coche, sempre alborotador do ánimo, propio e alleo. Cheguei onda C. para me asegurar de que o proceso de recuperación posoperatoria continúa á perfección. Non percibo acopio desmadrado de medicación, como aqueles responsábeis do goberno galego acusaban. Está contenta porque se confirma a redución do consumo de Nolotil (desculpen a publicidade, xa sei que o politicamente correcto sería falar de xénero xenérico, -redundancia intencionada, advirto!- mais ben sabemos que non todo é sempre o mesmo nin tanto ten!), mais, con todo, asegúrolles que non ma imaxino tampouco manexando as pílulas sobrantes na revenda da dopaxe calquera día destes! Está preocupada, si, porque non sabe que vai acontecer cando dentro duns días volte á farmacia. Por que? Porque, ademais de paciente (moi paciente abofé!), é pensionista e seica agora as relacións comerciais deben ser menos xenerosas cos representantes destas clases pasivas que, mira ti por onde que caprichosas che son as palabras!, traballaron a ferro toda a súa vida.

Prosigo o itinerario e por fin, despois de varios intentos nas últimas semanas, véxome con F. Que casualidade! F. é a inicial do seu nome propio e identifícaa tamén profesionalmente como Funcionaria da Consellaría de Educación. Unha profesional en activo, como tantas!, que aprobou con inxente esforzo hai uns anos as oposicións ao sistema público de ensino, como tantas!; sen destino definitivo, como tantas!; e que descoñece por completo o seu futuro laboral para o curso que comezará o vindeiro setembro. Substituta de zona podería ser das mellores opcións...

No camiño de retorno, preguntando cara ao ceo onde está o sol?, quen prendeu o sol?, abotoo un chisco máis a chaqueta porque a brisa vén fresca.

Aínda me acompaña nos últimos metros encostados a voz telefónica de V. Que facer coas dúas familiares, nai e avoa, día a día máis dependentes, que ten que atender? Confirmado: RIP para calquera propósito de axuda oficial. Porque como na casiña e cos da casiña estas cousas non se fan en ningures... Si, muller, como sempre foi! Para que mudar as cousas? Para que avanzar se calquera tempo pasado foi mellor? Ademais, a que vén esta teima de querer durar tanto?

A ollada lévame ao encontro co sempre puntual inmigrante que está a vender panos de papel no cruzamento das avenidas máis transitadas, quero dicir endemoniadamente barulleiras (por certo anda algo máis demacrado do habitual, observo... menos mal que o centro de saúde está aquí moi próximo... ou se cadra non, é posíbel que sexa o destino máis inalcanzábel neste momento...).

Finalizo a tourné matutina, hiperreducida coma o IVE -hiperreducida a tourné ou eu? valoren por si [email protected] reencontrándome con quen non é aceptado no mercado laboral desde hai máis de dous anos, como tantos tamén! Por certo, unha digresión máis: canto tempo hai que non coñecemos os datos oficiais do paro por parte dos chamados gobernantes?; con quen non é consultado se lle apetece traballar ou non porque hai tempo que non nace a máis mínima opción; se ten estímulo ou non, se é suficientemente incentivadora ou non para alentar na procura dun novo traballo a cativa axuda familiar pronta a extinguir...

Entón, caio na conta, estou rodeada dos máximos responsábeis deste sen vivir que obrigan ao goberno cada Venres de Dores a tomaren desmedidas medidas -non é burda redundancia, non!- xusticeiras contra toda a sociedade, porque até o de agora viviron moi requetebén e moi por riba das súas posibilidades: pensionistas, parad@s, inmigrantes e funcionariado. A f(r)actura social está en marcha, tod@s estontead@s cunha nova dose de prepotencia desoladora sempre un pouco superior á anterior para coutar calquera intento de reacción. Así que a conformárseme que a cousa aínda ha ser peor! Non hai como boas doses de resignación para superar esta teoría do shok social noqueador. E de paso contribuamos a quebrar a cohesión social interna, culpabilicémonos entre nós na panadería, no supermercado, na libraría, na farmacia, no bar do barrio, e levantemos os índices acusadores: a culpa é túa, funcionaria, enferm@ dependente, inmigrante, pensionista e parado. Demasiada maioría social a pulular por aí que atenta contra as históricas prebendas repartidas entre unha minoría privilexiada.

E claro, enfronteime máis unha vez á crúa realidade que agora toca tamén en Mércores de Paixón (?) e comprendino todo.

Comprendín por que aínda hoxe, andando o mes de xullo, tampouco podía saír o sol. Mais pensei: o sol ha saír! Abofé que ha saír!

Comentarios