Opinión

Por outra soberanía, a nosa

Ten razón Alfonso Guerra: a Constitución española, no esencial, non é nada ambigua.

 

Ten razón Alfonso Guerra: a Constitución española, no esencial, non é nada ambigua. Que é esencial? Establecer quen é o soberano. No caso da Carta Magna de 1978 soberano só hai un, o pobo español. Iso é o central. O aparecemento do termo nacionalidade, para se referir ás outras nacións, é só unha concesión retórica, baleira de contido real, como se viu no desenvolvemento post-constitucional, nomeadamente após o Exército español voltar a se facer presente na escena, co golpe de Estado non tan falido do 23 de febreiro de 1981.

Así as cousas, non perdamos demasiado tempo no que non ten arranxo. Non é posíbel unha refundación da Constitución española en chave plurinacional. Esa vía ficou cegada cando PSOE e PP, con Zapatero na Moncloa, acordaron até vetar o debate no Congreso do coñecido como Plano Ibarretxe. A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut completou a xogada.

Non temos nada que celebrar e si moito que traballar para conformar un poder constituínte novo. Galego.

A Constitución si foi reformada, en troca, e de forma exprés e de costas viradas ás maiorías sociais, cando a Troika llo esixiu ao Goberno español, outra volta coa socialdemocracia na Moncloa. Non é reformábel para lexislar o dereito a decidir, mais si para pór o pagamento da débeda á banca por enriba do dereito ao traballo ou o dereito á vivenda tal e como demandaba Bruxelas. Aquí se descobre a continuidade entre este réxime e o franquismo, que pactou coas elites europeas a abertura da economía española a finais dos anos 50.

O réxime instaurado pola Constitución de 1978 cumpre 35 anos. Non temos nada que celebrar e si moito que traballar para conformar un poder constituínte novo. Galego. Que afirme outra soberanía, a nosa. E que traballe para edificar outro Estado. A República da Galiza. Non será nada fácil a súa conquista e probabelmente o seu logro, irrenunciábel, sexa o labor de varias xeracións, mais é a única vía que temos aberta e por diante.

Comentarios