Opinión

Os “ilegais” non teñen corpo, son só alma

Houbo un tempo en que a Igrexa Católica discutiu se a muller tiña alma ou era só corpo. Máis tarde, esta idea trasládase a América e radicalízase até o punto de soster que os indios americanos carecen de alma e non pertencen á especie humana. Ten que intervir o Papa pois, é obvio, se non pertencen á especie humana, a evanxelización non ten sentido ao non haber almas que salvar.

Houbo un tempo en que a Igrexa Católica discutiu se a muller tiña alma ou era só corpo.

Máis tarde, esta idea trasládase a América e radicalízase até o punto de soster que os indios americanos carecen de alma e non pertencen á especie humana. Ten que intervir o Papa pois, é obvio, se non pertencen á especie humana, a evanxelización non ten sentido ao non haber almas que salvar. E a conquista perdería un dos seus argumentos xa que se trataba de “evanxelizar” aínda que toda a xente entendía que se quería dicir expoliar, escravizar, exterminar.

E concédenlles a alma.

Finalizada a cruzada da alma -hoxe en día mercadoría sen valor nos mercados- o goberno do Partido Popular descobre que “os ilegais” non posúen corpo -e se o teñen, e son mulleres, non deben saír dos burdeis, que aí a alma non dá diñeiro.

Por iso, desde agora e vía BOE, os sen papeis só teñen alma.

Grandiosa idea. Non me digan que non é unha grande descuberta!!

E se tamén lles retiramos o corpo a tanto desempregado e desempregada que hai, e que aínda por riba protestan e participan en manifestacións reclamando os seus dereitos? Se unicamente lles deixamos a alma?

Así estas xentes incorpóreas poderían ser excluídas do sistema sanitario.

O corpo, esa pesada carga, pode enfermar, mais a alma, xa se sabe, é inmortal.

Comentarios