Opinión

Os desafíos de Maduro

Ao apostar en Maduro, Chávez sabía ben o que facía.

Ao apostar en Maduro, Chávez sabía ben o que facía. Apostaba no aprofundamento da revolución bolivariana, nunha perspectiva socialista. En Venezuela, como medio século atrás en Cuba, a cuestión de fundo é se se pode avanzar nun proceso revolucionario, anti-imperialista, sen mudar a estrutura económica do país, isto é, sen formular abertamente o problema da propriedade sobre os medios de produción. Maduro, como Chávez o tiña, ten claro que a derrota das clases dominantes, a burguesía da que el fala abertamente, só será total o día en que se lle arrebate o poder económico e se poña a economía ao servizo do pobo.

A desaparición do líder fundacional puxo en evidencia as contradicións no bloco bolivariano, por forza pluriclasista. Os segmentos menos populares -que terían preferido a Cabello como candidato- viraron as costas a Maduro (que obtivo 600.000 votos menos do que Chávez nas eleccións de Outubro pasado), en tanto a dereita económica, política e mediática se mobilizou a tope perante a ameaza da consolidación da liña socialista no seo das forzas revolucionarias.

Maduro ten enfrente unha oposición moi poderosa, a unha burguesía medrada, raivosa e con gañas de revancha e ten enfrente o Imperio e as súas terminais provinciais, designamente a española

Eses dous factores combinados -alén do feito obxectivo de o novo candidato do Partido Socialista Unido de Venezuela non ter a autoridade carismática do fundador da Revolución bolivariana- produciron un resultado moi axustado, mas unha vitoria ao fin e ao cabo. Maduro salva o legado de Chávez e colócao xustamente alí onde o comandante bolivariano -e La Habana- o quería: rumo ao socialismo, en coordenadas inequivocamente patrióticas e anti-imperialistas.

Os desafíos para Maduro son enormes. Ten enfrente unha oposición moi poderosa, a unha burguesía medrada, raivosa e con gañas de revancha e ten enfrente ao Imperio e as súas terminais provinciais, designamente a española, cuxa imprensa oficial -até a chamada progresista- non hesitará en cuestionar a lexitimidade da vitoria socialista. Mas non ten ningunha opción distinta a de pisar o acelerador e a de apostar todo na transformación revolucionaria dunha sociedade que, embora os innegábeis avanzos dos 14 anos de goberno chavista, continúa a ser profundamente inxusta e continúa a estar muito colonizada.

Comentarios