Opinión

Os camiños da unidade

Como ocorre noutros ámbitos da vida social e privada, a unidade do nacionalismo galego valorase mais cando xa non existe.E, como tamén sucede en moitas ocasións, non se lle prestou a debida atención cando era unha vizosa realidade.

Como ocorre noutros ámbitos da vida social e privada, a unidade do nacionalismo galego valorase mais cando xa non existe.E, como tamén sucede en moitas ocasións, non se lle prestou a debida atención cando era unha vizosa realidade.

A partir de 1994, o BNG foi a casa común da grande maioría das persoas e organizacións que postulaban un proxecto de construción nacional ubicado nunhas coordenadas de esquerda e progresistas. Fora desa unidade orgánica ficaban sectores que non querían compartir ese proxecto común e que non foron quen de artellar alternativas dotadas dun apoio social minimamente significativo.Dende o mes de Xaneiro do ano pasado, as cousas mudaron substancialmente. O Bloque, a pesar de que conserva unha evidente pluralidade no seu seo, perdeu a potencialidade unitaria que posuía e debe compartir espazos políticos con outras opcións que dispoñen dunha relevante incidencia electoral.

"O Bloque, a pesar de que conserva unha evidente pluralidade no seu seo, perdeu a potencialidade unitaria que posuía"

Ten sentido apostar por un achegamento e converxencia entre as formacións que se moven no universo nacionalista a condición de que tal obxectivo non sexa utilizado, primordialmente, como emprazamento público destinado ao desgaste do adversario.É preciso combinar con realismo a discusión e a cooperación pero non cabe, ao meu ver, formular un xuízo baseado na negación da condición nacionalista de quen practica liñas de actuación diferentes, discutíbeis pero en todo caso lexítimas.

Na historia do nacionalismo galego de esquerdas sempre existiu a tentación de fixar unha liña divisoria entre o “auténtico” nacionalismo e o “falso”,“pseudo” ou “presunto”.Na década dos anos 70 e 80 do pasado século houbo importantes coincidencias –ningún grupo dese universo avalou co seu voto favorábel a Constitución e o Estatuto de Autonomía- e sonoras diverxencias:posición táctica sobre as novas institucións de autogoberno; aceptación ou non do requisito de xurar a Constitución para formar parte do Parlamento galego; o traslado dos restos de Castelao; os criterios de avaliación do proceso de conformación da UE; as opcións en materia sindical… Nos anos posteriores, algunhas destas diferenzas desapareceron e outras atoparon encaixe en acordos programáticos satisfactorios para todos os sectores implicados. O recurso argumental baseado na invocación da superioridade dos portadores do “verdadeiro” nacionalismo non serviu para tecer as unidades operativas mais relevantes rexistradas dende o inicio do posfranquismo. En troques, propiciou dinámicas sectarias moi negativas que deberon merecer unha maior reflexión autocrítica por parte dos seus autores para evitar a repetición dos mesmos erros.

"Ninguén está lexitimado para fixar as características políticas e ideolóxicas que deben posuír os que se reclaman nacionalistas"

Neste asunto, o nacionalismo galego non foi orixinal. A tentación de fixar liñas divisorias excluíntes entre o “correcto” e o “desviado” habitou en moitas organizacións representativas de movementos populares.Velaí o caso emblemático da tradición comunista soviética:só existía, en cada momento, unha liña acertada –a que emanaba da dirección do PCUS- e todas as demais eran condenadas por “esquerdistas”, “infantís” ou directamente por “facer o xogo ao imperialismo”.Mirar, agora, cómo foi e cómo rematou a historia do movemento comunista internacional dirixido dende a URSS debería ser a base definitiva para non repetir semellantes experiencias noutros ámbitos territoriais e temporais.

As diferenzas son lóxicas –e habituais- na vida das organizacións que aspiran a transformar a sociedade.A discusión das ideas e o contraste co seu impacto na realidade forma parte do camiño que debe percorrer quen desexe conectar cos sectores que queren cambiar o statu quo dominante. Pero ese debate non debe partir dunha previa descualificación global das persoas que defenden posturas alternativas. Non houbo nin hai un único nacionalismo galego merecente de tal nome.Ninguén está lexitimado para fixar as características políticas e ideolóxicas que deben posuír os que se reclaman desa identidade. Existiron –e existen- diversas opcións nacionalistas que postulan obxectivos e camiños distintos para construír unha Galiza dona dos seus destinos. Todas esas variantes poden e deben ser discutidas como condición necesaria para facer realidade a invocada e desexada unidade nacionalista.

 

Xesús Veiga

Comentarios