Opinión

Os banqueiros están ricos á súa conta

Poderiamos ser nós.Calquera de nós @ que este Nadal estivese pechad@ no concello de Gondomar, do Rosal, de Moaña, Cangas ou de Boiro. Ser calquera de nós @ que estivese ás portas do Concello de Compostela reclamando estar presente no Pleno, ser recibido polo Alcalde. Calquera de nós @ que decidise participar nunha folga de fame rotatoria en Ferrol.Porque non son potentados.

Poderiamos ser nós.

Calquera de nós @ que este Nadal estivese pechad@ no concello de Gondomar, do Rosal, de Moaña, Cangas ou de Boiro. Ser calquera de nós @ que estivese ás portas do Concello de Compostela reclamando estar presente no Pleno, ser recibido polo Alcalde. Calquera de nós @ que decidise participar nunha folga de fame rotatoria en Ferrol.

Porque non son potentados. Son coma nós persoas que aforraron uns cartos e os sacaron da conta corrente, apartándoos para os gastos que viñesen no futuro. Certo que buscaron a maior rendibilidade, e quen non. Ninguén lles falou de riscos, polo menos ninguén lles falou dos riscos que hoxe corren. É máis, na maior parte dos casos explicábanlles que era como ter diñeiro a prazo fixo. E quen llo dicía era unha persoa da súa confianza. A moitos coñeciámolos de todos os días desde había varios anos (vivimos nunha vila ), quen ía pensar que ese director ou esa interventora estivesen metendo gato por lebre.

Podería pasarlle a calquera, se non quen de vós le todas e cada unha das cláusulas dos contratos bancarios e despois de lelas entendeunas todas. Eu non, desde logo. E léoas, abofé que as leo, especialmente nos últimos tempos.

A calquera, mais foilles pasar aos que poden relatar unha vida de traballo e sacrificios, aos que gardaban os cartos para pagar os estudos dos netos, ou para un revés. Eran, son os seus aforros, produto do seu traballo.

Funos coñecendo desde o día en que tiveron a iniciativa de se pechar en Gondomar. Non visten roupa de marca e teñen as mans estragadas. Ao pasar dos días vou sabendo as súas historias. Dalgúns sabía que fixeron uns cartos vendendo algún terreo. Outros simplemente conseguiron aforrar para non pasar unha xubilación tan estreita.

Mais algúns son persoas que hoxe non teñen traballo. Mozas despedidas coas que compartín mobilizacións no seu día, reclamando que se mantivese o seu posto de traballo. Porén acabou no paro e a indemnización foi parar ás preferentes. Ten fillos pequenos.

El loitou durante anos coa multinacional para a que traballaba. Despois de duras negociacións foi despedido sen que a empresa recoñecese a invalidez que lle correspondía. O recoñecemento chegou despois do despido. A xusta indemnización por anos de traballo para un empresario que se fixo rico á súa costa e a doutros foi parar ás preferentes.

Estoutro pasou a vida no mar. Meses e meses sen ver a familia pensando que cando se xubilase podería recuperar o tempo perdido, gozar do diñeiro gañado en horas de illamento e sal. E non, está nas preferentes. Ao igual có seu amigo, aforrando para regresar despois de anos emigrado nun rico país europeo.

Ela pasou meses mobilizándose ante a empresa que lle debía varios salarios. Foi unha dura mobilización con acampada e todo. E por fin, cando lle pagan o que lle corresponde e abre unha conta para gardar os cartos para o que veña, atópase meses despois facendo un novo peche, para que lle devolvan, outra vez, os cartos que lle corresponden polos seus anos de traballo mal pagado.

Esta é a realidade desas persoas que agora saen retratadas nos xornais, que ocupan as portadas coas súas ceas de Nadal na entrada do Concello. Os mesmos xornais nos que len que teñen que asumir a perda do 40% dos seus aforros.

Estas mulleres e estes homes nada teñen que ver cos que se xubilaron no seu día deixando a Caixa en ruína, coas costas dobradas polo peso dos cartos roubados nos seus petos.

Que o goberno que ten que darlles unha solución non o faga, non lle poña as cousas claras aos bancos para que devolvan o roubado, non meta na cadea ás persoas que xogaron impunemente cos aforros acadados coa suor do seu traballo e aínda se atreva a saír coa ladaíña de que foi culpa de ... cando levan máis de tres anos gobernando e nada fixeron para impedir que se chegase a esta situación, ou para que deixasen de se comercializar as preferentes que aínda se vendían a primeiros deste ano, con eles no goberno, é unha monumental burla.

Hoxe quixen falar dos meus veciños e veciñas, traballadoras e traballadores pechados no concello de Gondomar, dos amigos pechados no Rosal, en Moaña ou Compostela, como outros o están en tantos outros lugares do país. Solidarizarme así coa súa loita. Darlles folgos. Desexar que o 2013 traia para eles e elas a devolución dos seus aforros.

Vaise 2012, que con el leve esta desfeita. Mentres, non podo evitar lembrar un poema de Celso Emilio neste ano do seu centenario:

...

Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo

i a miña mocedade. Nada teño.

O patrón está rico á miña conta,

eu, á súa, estou vello.

Ben pensado, o patrón todo mo debe.

Eu non lle debo

nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Marta Dacosta. decembro de 2012.