Opinión

Os aforradores galegos financian o saneamento bancario

Rajoy e Guindos definiron a contribucion dos aforradores galegos, titulares de preferentes e subordinadas perpetuas de Caixa Galicia e Caixanova (hoxendía NCG Banco), á conta do saneamento bancario. Pagarán unha media do 43% do seu valor, pero o resto recibirano en accións, que non serán líquidas até xuño, cando o Fondo de Garantía de Depósitos llelas poida mercar cun desconto adicional.

Rajoy e Guindos definiron a contribucion dos aforradores galegos, titulares de preferentes e subordinadas perpetuas de Caixa Galicia e Caixanova (hoxendía NCG Banco), á conta do saneamento bancario. Pagarán unha media do 43% do seu valor, pero o resto recibirano en accións, que non serán líquidas até xuño, cando o Fondo de Garantía de Depósitos llelas poida mercar cun desconto adicional. A festa sairá aló polo 50% do valor dos aforros cativos nestes produtos híbridos, fronte ao 36-38% da perda de valor que sofrirán os titulares da mesma caste de produtos de Bankia.


Nesta altura, todos os axentes financeiros, políticos e institucionais saben xa que a comercialización das preferentes e subordinadas por Caixa Galicia e Caixanova tentou transladar os depósitos a prazo dos aforradores (vencellados ás nosas Caixas por unha antiga relación de confianza ) a esta caste de produtos, considerados recursos propios dunhas entidades que non podían vender capital por non ser sociedades mercantís. Enton, foi un proceso consciente para que os clientes minoristas das Caixas pasasen da cualidade de depositantes a prazo a unha caste de quaseaccionistas,  sen dereitos políticos, pero sometidos aos riscos do devir das entidades.  E, agás moi contadas excepcións, foi un proceso sinalado pola falla de transparencia e desinformación. Os aforradores galegos descoñecían que estaban a perder a plena liquidez e seguranza dos seus cartos. Velaí a potencial nulidade por vicios do consentemento de case todas as adquisicións desta caste de produtos.

"Os aforradores galegos descoñecían que estaban a perder a plena liquidez e seguranza dos seus cartos".

 Entón, é a hora dos xuices. Da formalización individual e colectiva das accións xudiciais de nulidade que restablezan a estes aforradores nos seus dereitos. E, tamén, segue ser a hora da política, para acadarmos a solución dos máis posíbeis dos trinta mil casos de arbitraxes pendentes. 

Porque transladarlle aos aforradores galegos o custo dun saneamento bancario que, até de agora, se ten revelado inútil para restablecer a billa do crédito ás empresas e familias vulnera as normas básicas da convivencia democrática. E amosa a absoluta falla de alicerces éticos da política desenvolvida polo Goberno Rajoy.