Opinión

Os 104 do BNG

Celebróuse o primeiro Consello Nacional logo da profunda renovación practicada na XIV Asemblea Nacional e cun Portavoz Nacional de perfil moi alto e moi dialogante que, ademáis, non é nin será un profesional da política por ostentar ese cargo. Media de idade nos corenta e ún anos, paridade plena e cordialidade no debate. Un panorama diametralmente oposto ao que nos queren vender noutros medios.

A esquizofrenia que practican algúns ao redor do BNG é tal que os que eramos críticos co rumbo que estaba a tomar o BNG agora temos que defendernos dos erros daqueles que os cometeron pero que decidiron abandonar a formación ao non ser quen de hexemonizar o seu discurso fronte á rebeldía da militancia. Unha nova xeración loitaba por mudar o nacionalismo galego cunha postura crítica ao sistema namentres a súa propia formación loitaba por asimilarse ao mesmo.

Agora estamos fronte ao reto da refundación. Voltamos moitos pasos cara atrás, moitas localidades tiveron que prescindir de algo tan importante como é a presenza física mediante locais públicos. Non pasa nada. Sempre hai quen ofrece un lugar onde xuntarse, sexa o salón da casa, un faiado, unha sala do negocio dun militante ou calqueira outra solución para sair do paso. O aniquilamento económico ao BNG non lle vai impedir seguir loitando polas ideas que o caracterizan.

"Media de idade nos corenta e ún anos, paridade plena e cordialidade no debate. Un panorama diametralmente oposto ao que nos queren vender noutros medios".

Con orgullo proclamo que cando llo pediu, a militancia respondeu. Estamos a contribuir extraordinariamente ao saneamento económico do BNG. Non queremos grandes contribuintes á causa, non temos sobres que repartir. Tamén hai que apretarse o cinto e buscar solucións imaxinativas. Sempre estivemos dispostos a recurrir ás fotocopias, a empregar os medios persoais (ordenador, impresora, coche, tempo, tempo e máis tempo restado da vida persoal), a aproveitar a vella basoira e a manchar a casa con cola. Cánta paciencia ten que ter a nosa familia, ésa que sempre che dí: “para que te meteches en política, si non trae máis que dores de cabeza”. Non saben que si non o facemos non estamos a ben con nós mesmos, o espíritu de rebeldía non se pode calmar nin abandonar.

Na definición de bo político sempre opto por analizar si gañou ou perdeu cartos no seu labor. Si é do segundo caso é un bo político. Vivino de primeira man na figura do meu pai, comprometido sin máis ambición que o de axudar á xente que máis dificultades tiña, de minimizar na medida do posible as desigualdades que existían e siguen existindo. É o meu exemplo e agardo ser digno sucesor do apelido que levo. Moitos non o coñeceredes, porque tamén os mellores políticos son descoñecidos para a maioría. Ése é un erro que non podemos achacar á mal chamada “clase política”, si non somos quen de ter conciencia crítica e rebuscar na información sin caer nos grandes medios a culpa só é nosa.

E retomo o título para deixar explícitamente o porqué de non chamarlle “os 104 de Vence”. O proxecto do BNG é colectivo, o noso Portavoz Nacional ben o sabe, todos e todas son iguais, nadie está por riba de nadie, feito que non menoscaba que cando os máis sabios falan os que o somos menos escoitemos con moita máis atención. A igualdade prodúcese cando falan os menos sabios e os máis sabios escoitan.

Comentarios