Opinión

Orzamentos 2013: O dereito á educación en perigo

O Partido Popular, o día 26 de febreiro, pretende aprobar uns orzamentos para o exercicio do ano 2013 que continúan a reforzar a súa liña restritiva e destrutiva do ensino público dos últimos anos, que dificultan o funcionamento dos centros educativos e condenan unha parte importante do alumnado a unha educación descompensadora e deficitaria, carente da máis mínima equidade e calidade.

O Partido Popular, o día 26 de febreiro, pretende aprobar uns orzamentos para o exercicio do ano 2013 que continúan a reforzar a súa liña restritiva e destrutiva do ensino público dos últimos anos, que dificultan o funcionamento dos centros educativos e condenan unha parte importante do alumnado a unha educación descompensadora e deficitaria, carente da máis mínima equidade e calidade. Proseguen, tamén, coa liña emprendida a partir do ano 2010 de desmantelamento do ensino público. Así os orzamentos para Educación pasan de 2.256 millóns do ano 2012 a 2106 millóns para o ano 2013, decrecendo uns 150 millóns, isto é, un 6.6%. Se temos en conta o acaecido en anos anteriores, a situación aínda se torna máis grave, pois desde os orzamentos do ano 2009 a diminución é de 660 millóns, é dicir, un 32.7%.

O que vai máis alá de todo o razoábel é que a redución non afecta da mesma maneira a todos os capítulos e programas, pois, un ano máis, constatamos que os concertos educativos co ensino privado reciben máis de 240 millóns de euros, o 12% do orzamento da Consellaría de Educación, co que a súa mingua se sitúa nun 3.9% , fronte ao 6.6% do ensino público. Non deixa de ser obsceno que a Consellaría agasalle con 49 millóns de euros o ensino privado non obrigatorio e mesmamente acrecente nun 5.8% os concertos educativos na Formación Profesional, cando hai miles de alumnos e alumnas que non poden cursar o ciclo formativo que desexan pola carencia de prazas no ensino público. Estes orzamentos responden a unha ideoloxía nitidamente neoliberal aplicada polo o PP con toda a súa crueza aos servizos públicos, agudizándose así, aínda máis, as consecuencias demoledoras desta crise, ao desmantelar e acrecentar a privatización do ensino que, pese a ser un servizo esencial, pasa a converterse nunha mercadoría máis de consumo, pagada con diñeiro público pero para o goce e beneficio duns poucos. A confesionalidade do sistema educativo, amais de inaceptábel, supón un gravame para o erario público, xa que a igrexa non custea o seu profesorado e somos todos e todas nós os que temos que sufragar un total de 975 docentes de relixión, cun custe de 29.361.100 euros para o ano 2013, cando aos centros se lles está negando profesorado que resulta imprescindíbel.

"Desde os orzamentos do ano 2009 a diminución para Educación é de 660 millóns, é dicir, un 32.7%"

Un ano máis, estes orzamentos asáñanse coa nosa lingua. Neste período, só destinan 7.4 millóns aos programas de fomento da lingua galega, un 25% menos có ano pasado e un descenso que acumula un 67% en relación aos 19.8 millóns de euros destinados a este fin no ano 2009. Esta diminución permanente de apoio á normalización lingüística está baseada na obsesión do PP por eliminar do ensino e do uso social o noso idioma. Do que se trata é de levar á inanición aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros, recortándolles, ano tras ano, as partidas para os proxectos de innovación en normalización lingüística, que pasaron de ter asignados 800.000 euros no curso 2009-2010 a só 300.000 euros previstos para o ano 2013 (un 62.% menos) para máis de 1500 centros educativos. Procurase desactivar aos ENDL e ao profesorado que, contra vento e marea, están entregados á normalización lingüística e á dignificación da nosa lingua en contraposición á persecución da Xunta que a está levando á total marxinalidade e desaparición en moitos niveis de ensino e centros, nomeadamente nos centros privados concertados.

Nestes orzamentos non hai lugar para a dimensión social da educación, imprescindíbel en momentos de crise como o actual que golpea con moita máis contundencia aos sectores sociais máis indefensos que non poderán acceder ás actividades extraescolares, ao uso do comedor ou aos libros de texto gratuítos, xa que non se orzamenta ningunha partida para as actividades extraescolares e o total destinado aos comedores tórnase totalmente insuficiente (hoxe en día, aínda se lle adebeda aos centros a partida correspondente ao primeiro trimestre deste curso) para dar resposta á demanda actual. Respecto da chamada gratuidade solidaria dos libros de texto, hoxe, non abrangue a máis que o 60% do alumnado, malia a ter un custo equivalente ao modelo de préstamo o goberno bipartito que aseguraba a súa universalidade e gratuidade para todo o alumando do ensino obrigatorio.

"Somos todos e todas nós os que temos que sufragar un total de 975 docentes de relixión, cun custe de 29.361.100 euros para o ano 2013"

O profesorado, peza fundamental para o bo funcionamento do sistema educativo, continúa menosprezado co incremento do horario lectivo, coa eliminación de boa parte das súas pagas extras, coa redución do salario en máis do 20%, coa penalización por estar enfermo, coa impartición de materias das cales non é especialista, etc. Tampouco se lle garante a formación, imprescindíbel para a súa actualización, renovación e para a innovación pedagóxica e didáctica. As partidas dedicadas á formación do profesorado decreceron nun 27% en relación ás do exercicio anterior, que xa viñan minguando permanentemente, pasando de 2.7 millóns a 1.5 millóns para un colectivo de 32.000 docentes. Estes orzamentos van continuar destruíndo emprego público, ampliando a masificación das aulas, reducindo o profesorado e o persoal de administracións e servizos (PAS), despedindo profesorado e PAS interino e deteriorando permanentemente as condicións de traballo do profesorado. Nestes tres últimos anos, a Consellaría reduciu o cadro de persoal do profesorado en máis de 3000 profesores/as, sangría que continúa cos orzamentos do ano 2013, cunha redución de 315 docentes aos que lles haberá que sumar as xubilacións que se produzan. Isto contrasta coa a partida destinada ao persoal eventual de gabinete que se incrementa, nin máis nin menos, nun 28%, dándolle así renda solta ao nepotismo tan querido e asentado no PP.

Condenan os centros á precariedade en medios e recursos e poñen en perigo o seu funcionamento, ao seguir a liña descendente de investimento que alcanza unha diminución do 9.5% nos centros de secundaria e FP. Os investimentos reais decrecen un 46%., polo que non se poderá facer fronte ás necesidades de mellora, ampliación e reparación de moitos centros que necesitan dunha actuación urxente. Só se prevé a construción de nove centros en todo o país e a mellora ou ampliación en dez. A construción de centros de infantil e primaria decae nun 66% e un 58% en secundaria e FP. A partida dedicada a rehabilitación, ampliación e mellora decrece nun 23% en infantil e primaria e un 11% en secundaria e FP. A mesma sorte corren as partidas dedicadas ao equipamento e adquisición de fondos das bibliotecas escolares, que se ven minguadas nun 50%, reducíndose un 58% as destinadas ao fomento da lectura. En conxunto, a Consellaría dedica ás bibliotecas escolares e ao fomento da lectura 850.000 euros fronte aos 2.3 millóns de euros do ano pasado, que non supoñen, nin sequera, 3 euros por alumno/a.

"Nestes tres últimos anos, a Consellaría reduciu o cadro de persoal do profesorado en máis de 3000 profesores/as"

Os orzamentos destinados ás universidades veñen a confirmar a intencionalidade do PP de asfixiar e empobrecer o ensino universitario cunha redución de 21 millóns de euros, un 5.5% menos, cando xa o plan de financiamento significou un recorte importante. As consecuencias serán devastadoras: impedirase e reducirase a investigación, aumentarase a carga docente, masificaranse as aulas, aumentaranse as taxas e decrecerá o profesorado, que provocará que a universidade se converta nun estamento educativo prohibido para as clases populares.

Estes orzamentos implicarán peor calidade educativa porque non atenden nin consideran relevantes aspectos como a atención ás necesidades educativas especiais e a prevención do fracaso escolar que sofren un importante decrecemento do 3.5% e do 5.5%, respectivamente, nin consideran necesario a oferta de prazas escolares, as actividades extraescolares, o profesorado suficiente para atender a diversidade, os desdobres, o reforzo escolar e a orientación escolar.

So,n en consecuencia, uns orzamentos que continúan coa subordinación aos intereses do poder eclesiástico e da patronal do ensino privado concertado, que comportan actuacións profundamente antisociais e de fondo contido ideolóxico, xa que do que se trata é de desatender a educación pública en beneficio e promoción dun modelo de escola dogmática, antigalega e confesional que, malia ser subvencionada totalmente, non dubida en segregar o alumnado por razón de sexo e usar todo tipo de artimañas para seleccionalo de antemán. Son uns orzamentos que contribúen a estratificación social e a desigualdade de oportunidades, porán en perigo o dereito universal á educación, acosan ao noso idioma, acrecentan o fracaso escolar e dificultan, aínda máis, a saída desta crise devastadora dos servizos públicos e inhumana cos máis débiles e desfavorecidos socialmente.

Santiago ,15 de febreiro 2013

Anxo Louzao