Opinión

Ollando ao pasado, defendendo o futuro

De certo que todos escoitamos máis dunha vez iso de para que serve a Historia (aínda que a pregunta se faga extensible á arte, á arqueoloxía, aos museos, ao coñecemento social en xeral). O abanico de respostas é moi amplo.

De certo que todos escoitamos máis dunha vez iso de para que serve a Historia (aínda que a pregunta se faga extensible á arte, á arqueoloxía, aos museos, ao coñecemento social en xeral). O abanico de respostas é moi amplo. Á cabeza das réplicas máis habituais podería estar esa de que o coñecemento histórico serve para aprender dos erros do pasado e así non reindicir no futuro, proposición falsa a todas luces tras séculos de repetidos sufrimentos e inxustizas na Humanidade. A este respecto, Ángel González, coa súa tristeza irónica -ou ironía triste, non sei ben- dicía que: "...Nada es lo mismo nada/permanece./Menos/la Historia y la morcilla de mi tierra:/se hacen las dos con sangre, se repiten...".

Outra posible resposta é que grazas ao coñecemento do que sucedeu antes, podemos entender o presente e saber cara onde imos. Nesta época de cambios e derrubamento de sistemas, o futuro segue a ser incerto por máis que escudriñemos no pasado: o pasado explica o presente, claramente as cousas non están a acontecer por que si, pero entrelázanse moitos factores para tratar de albiscar o que ha de vir.....

Quizais o problema está na pregunta, non na resposta. Marx dicía que o capitalismo ten a capacidade de reducir todo a mercadoría, e o "para que serve a Historia" é un exemplo claro desta proposta.

Sen que nos déramos conta, amodiño, fóronse baleirando de contidos os distintos compartimentos que conforman o tecido das sociedades ata que a economía eclipsou ao resto. Unha sociedade non é só economía, tamén é coñecemento, relacións humanas, solidariedade, cultura, ... aínda que xa non somos capaces de abordar estes aspectos sen o baruto da economía. O corpo social foi pouco a pouco mutilado ata convertese nunha sociedade económica, onde todo se olla a través do prisma do valor. O cidadán evolucionou a consumidor.

Máis que preguntarse para que vale a Historia, teríamos que interrogarnos en que nos enriquece como persoas, non como consumidores. O patrimonio cultural, a arte, o saber histórico pode ser un xerador de emocións, é posible gozar intelectualmente do coñecemento da Historia. Por si mesma, nesta explicación xa atoparíamos unha xustificación máis que suficiente.

Pero non debemos asomarnos ao pasado cunha actitude contemplativa, acrítica, banal,... O pasado explica o presente, e agora máis que nunca, debemos aprender das experiencias doutras persoas e movementos sociais que nos precederon: dende Fukuyama orneando que chegáramos á fin da Historia, ata Marcelino Camacho repetindo incansable que os dereitos primeiro se conquistan e despois se defenden. As loitas seguen a ser as de sempre, cambian o escenario e os personaxes, mais o guión repítese.

Temos suficientes referentes no pasado para saber que camiños seguir. Coñezamos o pasado, teñamos espírito crítico para saber que está a pasar, e sigamos defendendo con uñas e dentes o noso futuro.

Comentarios