Opinión

Oligopolio bancario e exclusión financieira

 Non é éste o lugar para axuizarmos a xestión da equipa reitora de Pescanova. Mais, por deficiente que ésta for, semella que a multinacional galega está a sofrir as resultas da deconstrución financeira deste País, que se levou por diante a independencia do Pastor e a solvencia das nosas Caixas. O conto de Pescanova e a realidade do esfarelamento do noso subsistema financeiro apréndenos que só podemos manter as empresas que somos quén a  financiar.

E, canda este baño de realidade, enfrontámonos nas nosas cidades, nomeadamente n´A Coruña, co feito da liquidación da meirande parte da estrutura de servizos centrais das nosas entidades financeiras. E co feito do inexorábel avance, a velocidade de cruceiro en só catro anos, cara a irrelevancia financeira deste País e cara a concentración da oferta crediticia española en cinco ou seis entidades, desaparecendo as restantes, mentres que as pemes alemás contan co privilexiado e abondoso financiamento das caixas de aforro de cadanseu lander. Porque Alemania non creu na receita de concentración bancaria que pariron ZP e Rajoy. 

"Pescanova está a sofrir as resultas da deconstrución financeira deste País, que se levou por diante a independencia do Pastor e a solvencia das nosas Caixas".

Rolamos, pois, cara a exclusión financeira das empresas galegas. Porque mentres Caixabank e Kutxabank garantirán o financiamento das iniciativas empresariais catalás e vascas,. Popular, Santander, BBVA e outros dirixirán  a billa do seu crédito ao rego das xoias da coroa do Ibex 35 e demáis sectores regulados que compoñen o capitalismo castizo do BOE. Xa que logo, a economía produtiva galega  non terá interlocutor bancario en Vigo, Compostela ou A Coruña.

Velaí a importancia de tronzar as estratexias que poñan NOVAGALICIA BANCO baixo o paraugas de BANKIA, canda, en menor medida, do éxito da nova andaina do Etcheverría, da Caixa Rural Galega e da eventual integración do Banco Gallego nun grupo catalán ou portugués que respecte a vocación galega desta entidade. 

Sen prexuizo de que a Xunta non dubide en propiciar unha Banca Pública galega, de cumprir a mesma. Porque se a banca privada non fornece de crédito ás empresas terá que facelo a banca pública.

Comentarios