Opinión

Odio falar de aborto

Odiei a palabra aborto pero repetila ata a saciedade nos anos oitenta actuaba como revulsivo contra unha sociedade empapada de beatería. Tamén a odio porque era utilizada polas dereitas para desacreditar ao feminismo.

Odiei a palabra aborto pero repetila ata a saciedade nos anos oitenta actuaba como revulsivo contra unha sociedade empapada de beatería. Tamén a odio porque era utilizada polas dereitas para desacreditar ao feminismo.

Lémbrome dunhas concentracións feministas pola despenalización da interrupción voluntaria do embarazo en 1985. Formaban parte dunha campaña pola liberdade sexual e reprodutiva nunha praciña, xustamente perante o Congreso (como onte) mentres dentro se debatía a lei de interrupción que foi aprobada ese mesmo ano. Pero daquela non chegaban ao centenar de mulleres e este 25-S foron miles.

No mesmo lugar pero con toda a candidez do mundo, cantábase e bailáse “Teresa de Calcuta xa ten noivo que é o Papa Woytila que é un pimpollo”. O humor e a aparente inxenuidade das feministas agachaba a dedicación e a forza da ideoloxía daqueles tempos empregados en horas de asembleas, de discusión, de reflexións e de asistencia a mulleres que eran tratadas como delincuentes por ter interrompido o seu embarazo. O compromiso social e voluntario das feministas leváraas a adxudicarse uns servizos que debía cubrir o Estado, como a educación e información sexual e reprodutiva. Cada ano unhas 300.000 víanse obrigadas a abortar clandestinamente, en circunstancias penosas, moitas veces con consecuencias fatais. As feministas asesorábanas en todos os trámites necesarios para facelo dignamente, no estranxeiro, ou con algunha xinecóloga ou xinecólogo solidario.

As privilexiadas e as de familia de dereitas, como agora, non tiñan ningún atranco para abortar saudablemente, por unha presa de libras – pola gracia de deus- en Londres.

Nin os gobernos patriarcais nin os partidos, nin aos sindicatos lle interesaron as demandas que consideraban femininas, ata ben entrada a democracia. Pero achegábanse cos súas noivas aos centros de planificación cando se encontraban co marrón.

Agora penso nos miles de indignad@s aos que tampouco respectan os pactos da mediana-alta política, a voz da rúa, que non entende por que se secuestra a democracia, desde o goberno, pero tamén desde outras instancias democráticas. Non hai nin que falar sequera de prevaricacións, e tratos privilexiados, deportes municipais que agroman nos últimos titulares. Porque cobrar 600€ por asistir a un pleno da deputación de oito minutos...!; por picar un dato insignificante da prensa local; vaia estafa ao pobo!

As masas do 25-S representan @s arrepentid@s de darlle voz a uns representantes indign@s.

E digo eu, como se arranxa isto agora? Volvendo votar, soamente?

Retorno ao Congreso cando súas señorías protexidas polos leóns debatían a famosa lei do 85, e fóra apenas un centenar de mozas, blindadas por un cordón gris pedían liberdade e protección do Estado en materia de dereitos reprodutivos.

Parlamentouse durante varios días, non recordo se dous ou unha semana. As rapazas continuaban con pancartas e cánticos. Nunha das xeiras abríronse as portas das gaiolas e saíron as feras a mallar nas manifestantes; unhas tiraban polas outras e os grises embutíronas a todas dentro dos jeeps. Nuns minutos desfíxose a concentración. Tras as rellas dos vehículos asomaban as mans cos dedos índices e polgares unidos no símbolo feminista. Na praza asomaban os vestixios da batalla, as siluetas esfareladas do Papa e a Santa de Calcuta e algún cartaz que rezaba: “Nosotras decidimos, nosotras no parimos”.

Foi un episodio entre miles de atropelos nun proceso que viña de moi atrás ata a consecución dun paso importante: unha lei orgánica que garantira o correspondente dereito constitucional. Considerábamola de tránsito ata a libre determinación da muller; que non instaba a ninguén a abortar -como insisten as dereitas- unha lei oportuna que a sociedade demandaba. Quedaban libres de sanción tres supostos: violación, malformación do feto e perigo para a madre.

A seguinte modificación, de marzo de 2010, que contaba cun nome máis atractivo, “De salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo”, parcheou certos aspectos cos prazos, por exemplo, pero seguiu a liña vergonzante das anteriores, porque non garante aínda o dereito a libre elección.

Agora, os conservadores non saben como botar abaixo a lei de despenalización. Refúxianse na entronización precientífica do “non nacido” e así penalizar a interrupción do embarazo no suposto de malformación do feto. Para a Igrexa e Gallardón os oviños teñen moito máis valor que calquera madre e futura responsable da criatura. Por certo que a ningún político se lle ocorreu lexislar para incriminar ao dono do espermatozoide, pero si a portadora do óvulo. Non son tan responsables o home como a muller? A que se debe, neste caso, diminuír a competencia masculina?E volta a empezar aínda que agora as iniciativas que priman a inviolabilidade dos dereitos reprodutivos gozan dun apoio social -e político- máis amplo. De momento, constituíuse a Plataforma en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, á que case todo o feminismo se adheriu coa confianza de que este apoio social non se transforme en estratexia electoral e pase a ser un compromiso firme. O venres 28-S foi o día elixido para as manifestacións nas principais cidades do Estado, e na Galiza haberá concentracións en diversos concellos.

Opino que o feminismo xa breou e se quebrou dabondo co tema do aborto, que só o nome produce calafríos; malfadado termo. Pregúntome se debe seguirse á zaga dun ministro conservador e perderse en campañas. A meta non é nin será o aborto, o aborto é unha urxencia sanitaria, non vai máis alá; pero que non se toquen os devanditos supostos.

Pero a marxe deles, cómpre revisar en todos estes anos en que errou a formación afectivo sexual? En non formar nunha sexualidade tamén máis intelixente e gozosa? Que sucede cos roles e a repetición dos modelos tradicionais, que non impiden embarazos non desexados? E as visitas dos mozos aos prostíbulos? Estes son os cabalos de batalla.

Odio falar de aborto pero privar do dereito a decidir é unha forma institucional de violencia, e ata aí podíamos chegar; nin un paso atrás.