Opinión

Odio eterno

A noticia saiu nalgúns medios, de fontes algo difusas pero dende logo coherente co camiño que está a emprender o fútbol de elite. Contaban que en Qatar, ese Estado petrolífero e escasamente demócrata, os xeques que xa conseguiron un Mundial están intentando organizar nos seus dominios unha Champions planetaria, exclusiva para os grandes clubs e os xigantescos patrocinadores. Eis o triste futuro dun deporte.


A noticia saiu nalgúns medios, de fontes algo difusas pero dende logo coherente co camiño que está a emprender o fútbol de elite. Contaban que en Qatar, ese Estado petrolífero e escasamente demócrata, os xeques que xa conseguiron un Mundial están intentando organizar nos seus dominios unha Champions planetaria, exclusiva para os grandes clubs e os xigantescos patrocinadores. Eis o triste futuro dun deporte. Multinacionais e magnates insultantes levándose a diversión a casa, en artificiais estadios baleiros, sen nervio nin identidade. Ese é o fútbol moderno. O mesmo ao que pancartas e cánticos, por exemplo en Riazor, xúranlle “odio eterno”.

“O fútbol foi identificado como unha peza potencialmente lucrativa da cultura da clase traballadora, así que foi confiscado e reenvasado, transformado nun ben de consumo controlado por millonarios arribistas”, sinala o escritor e activista británico Owen Jones. Así é. A diversión obreira por excelencia quérena converter nunha peza máis da globalización capitalista, lonxe das súas orixes e cada vez máis preto do videoxogo que do grato rito colectivo.

Hoxe xógase un encontro de verdade, dos que se xogan durante semanas nos bares de Monte Alto ou Teis

Mais quedan aldeas. Un chisco contaminadas pola elite e tamén polos moitos excesos que acompañan ao fútbol. Pero reais. Onde a bóla aínda é propiedade do pobo. Eu vivo nunha. Cun estadio a carón do mar, unha camiseta branquiazul e un escudo con algúns elementos que sobran -ese L- pero que tamén é o único de todos os principais equipos do seu territorio no que aparece unha bandeira de fondo branco con franxa azul. A do seu país. Miña aldea futbolística chámase Dépor. Hoxe xoga o seu derbi nacional. Enfronte o Celta.

Lembro decenas de partidos como este. Non hai outro igual. O único equipo da Galiza que sabe gañar títulos contra o seu principal perseguidor. Un encontro de verdade, dos que se xogan durante semanas nos bares de Monte Alto ou Teis, non como eses tan malos que comezan e acaban nun palco VIP.

Aquí -cando eramos algo máis ricos pero aínda humildes- fomos rebeldes, rebentando a casa do poderoso (quen pode esquecer o centenariazo ou a Liga?). Pero tamén xogamos en categorías pequenas, e tan felices. O primeiro derbi que vin en directo foi en Segunda. O último, ata o de hoxe, tamén. Foron un grandioso espectáculo.

Hoxe hai Dépor-Celta. En Riazor. Un deses marabillosos partidos que nunca se xogarán en Qatar. Nin falta que fai.

Comentarios