Opinión

O valor do percebe

O telexornal do luns, na clásica noticia que anticipa o nadal, daba conta da evolución do prezo do percebe. “Un dos mariscos máis caros e apreciados” dicía a xornalista. Poucos días despois soubemos que o prezo de mercado é realmente baixo. Que o valor do percebe é moi superior pola perigosidade e penosidade de quen se dedican a captura do mixote.

O telexornal do luns, na clásica noticia que anticipa o nadal, daba conta da evolución do prezo do percebe. “Un dos mariscos máis caros e apreciados” dicía a xornalista. Poucos días despois soubemos que o prezo de mercado é realmente baixo. Que o valor do percebe é moi superior pola perigosidade e penosidade de quen se dedican a captura do mixote. Era mércores, o mesmo canal deu conta de que percebeiros e percebeiras xóganse a vida a diario. O mércores, a morte gañoulle a partida a Mercedes Veiga, percebeira de 56 anos que perdía a súa vida traballando. As súas compañeiras de fatigas intentaron axudala. Durante uns intres o rescate parecía posíbel, mais unha ola traicioneira abortou a posibilidade. Nunca saberemos se o resultado tería sido outro se os medios de salvamento chegaran antes. Tardaron 40 minutos. Demasiados minutos. O mar non agarda.

Un bo amigo escribíame dicindo que agardaba que non puxeran no lugar unha cruz de pedra nas rochas, que ao mellor habería que pensar en prohibilas. Comparto con a idea e pensamento de que son esteticamente horrorosas, afean e "funebrean" a paisaxe; fomentan esa corrente infame que é o turismo de catástrofes. Un turismo que tanto se retrata á beira dunha cruz, como á beira dunha pota de polbo.

Sería mellor encher as rochas de pintadas. Escribir o nome dos e das que morreron. Escribir que é inxusto que os medios que salvan vidas no mar se privaticen e fagan negocio. Escribir que é inxusto que as percebeiras e percebeiros non se poidan xubilar anticipadamente. Non pedimos ningún luxo, nin privilexio. Só dignidade e humanidade. A mesma que o estado ten recoñecido para para toureiros e toureiras, que dito sexa de paso, nin son cultura, nin nos dan de comer! Eles poden xubilarse aos 55. A causa, a “perigosidade” do seu “traballo”. Non sei que hai de certo niso, mais non deixo de pensar que é ben máis perigoso loitar contra o mar que bate nas rochas. Percebeiros e percebeiras enfróntanse sós á forza do océano. A incomprensión de quen goberna é certamente desalentadora. As percebeiras non teñen traxes de luces, non saen nos programas de corazón, non teñen un público que lles aplauda, nin cortan orellas. Mais isto non debería ser motivo para permitir tal agravio e inxustiza.

Comentarios