Opinión

O soberanismo como electroforese política

A electroforese é un curioso fenómeno que permite identificar sustáncias ou mesmo separar compostos. Produce-se ao aplicar unha carga eléctrica sobre, por exemplo, unha disolución de lípidos, proteínas ou ácidos nucleicos. Os componentes desas sustáncias migran cara un dos polos eléctricos en función da sua carga iónica.

A electroforese é un curioso fenómeno que permite identificar sustáncias ou mesmo separar compostos. Produce-se ao aplicar unha carga eléctrica sobre, por exemplo, unha disolución de lípidos, proteínas ou ácidos nucleicos. Os componentes desas sustáncias migran cara un dos polos eléctricos en función da sua carga iónica. O proceso ou técnica da electroforese é mui utilizada pola indústria do caucho para a extracción deste composto, presente no látex de espécies como Hevea brasiliensis.

Feita esta introdución, atrevería-me a afirmar que desde algúns estamentos se concibe o nacionalismo e o galeguismo como un “pool” de proteínas, fácil de separar segundo a sua polaridade. Se o que interesa é localizar os elementos máis proclives ao pacto con España, pois aplicamos a carga “fútbol”. Mentres algunhas persoas van con “la roja”, outras han ficar coa “azul”. Se o que pretendemos é atraer os elementos máis dispostos a seguir a liña de combate, pois aplicamos a carga “soberanismo”. As persoas máis batalladoras irán cara o … BNG? E os menos arraigados no país, pois irán para … Anova?. Unha boa xogada para clarificar o ideário da sopa de letras na que se converteu o panorama nacionalista.

"Se o que pretendemos é atraer os elementos máis dispostos a seguir a liña de combate, pois aplicamos a carga “soberanismo”


A introdución do debate non é casual. Existe unha forte correntada soberanista na contorna de nacións europeas sen estado ás que costumamos mirar. No Estado Español, non aproveitar esa correntada para fortalecer a tese soberanista na nosa terra sería unha mostra de irresponsabilidade histórica. Unha irresponsabilidade posíbelmente arraigada no carácter pusilánime e indeciso que construiu o pragmatismo institucional e a política de non remexer espantallos, non vaia ser que espantemos o eleitorado.

Lembro cando desde Causa Galiza enarboramos o lema “Contra a crise do capital, Soberanía Nacional”, e saímos á rua ese Dia da Pátria de 2009, carregados de razóns. Existía o convencimento da necesidade de articular un verdadeiro movimento de oposición popular a unha reforma estatutária que, curiosamente impulsada polo BNG, pretendía un recoñecimento máis retórico que real do noso carácter nacional.

Hoxe, aquelas persoas que miraban de esguello, con prudéncia e temor, como quen mira á hidra de nove cabezas, asumen plenamente o discurso soberanista e lanzan proclamas de unidade. Aparentemente, poderíamos dicir que foi un éxito do soberanismo. Haberá quen diga, remedando a Otegi, que sacamos a vaca do prado onde pacía. Mais é inevitábel que haxa xente, de dentro e de fóra do BNG, que desconfía da sinceridade desta aposta polo soberanismo. É certo que a asemblea de Ámio marcou unha viraxe. Unha viraxe diríamos que estratéxica, máis do que táctica. A estratéxia de ir construindo nen máis nen menos que a República Galega.

"O avance das teses soberanistas precisan dunha masa crítica mínima, capaz de suscitar amplos debates"


Non hei ser eu o que cuestione o acertado desa aposta. Mais sí que vou cuestionar o seu alcance. En relación con isto, non é difícil comprender que o avance das teses soberanistas precisan dunha masa crítica mínima, capaz de suscitar amplos debates que incidan mediáticamente na sociedade galega, xerando un proceso reflexivo, especialmente nas camadas máis desfavorecidas. Ese proceso podería permitir o avance sociolóxico, político e, diría eu, demográfico, da aposta soberanista, dotándo-a de vitalidade, quer dicir, con capacidade de se auto-reproducir. Quero pensar que o BNG vai despregar unha estratéxia soberanista própria, mais sen renunciar a fortalecer e encauzar a sua forza nunha ampla fronte social e política, libre de adscrición ou pleitesía partidista, con capacidade para facer converxer nela á máis variada das sensibilidades nacionais galegas. Porque do contrário, a estratéxia sería unha simple táctica. Unha táctica para deixar fóra de lugar a excompañeiros mentres se avanza tácticamente cara á soberanía nacional, é dicir, ás apalpadas.

Comentarios