Opinión

O río Miño é a arteria que nos une

Hai algún tempo chegou aos centros de ensino a convocatoria do VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa, convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! O lema desta nova convocatoria é “Ponte... a brincar. O patrimonio lúdico”.

Hai algún tempo chegou aos centros de ensino a convocatoria do VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa, convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! O lema desta nova convocatoria é “Ponte... a brincar. O patrimonio lúdico”.

En resultas, do que se trata é de, en cada centro, elaborar un audiovisual —as modalidades de participación van dende o ensino primario ao universitario— que teña como motivo o mundo dos nosos xogos tradicionais e das formas de lecer que nos son propias. Xa que logo, neste amplo universo no que a nosa cultura atesoura unha gran bagaxe, inclúense xogos, xoguetes, adiviñas, cantigas, refráns, ditos...

Non hai máis fronteiras ca as que cada un lle quixer pór á imaxinación. Mais si cómpre subliñar algunhas das moitas facianas positivas desta iniciativa a cal, dado que a súa participación é á vontade, se debe divulgar e promocionar ao máximo dende os centros de ensino.

Estas son, logo, algunhas das favorábeis consecuencias que conleva a participación no certame: a planificación, posta en práctica, revisión e acabado dun traballo en equipo; a execución dun labor de grupo no que o alumnado se converte en axente principal; a pescuda no propio contorno e o emprego das persoas maiores como transmisoras primeiras do saber; a convivencia interxeracional entre membros da comunidade, con moi diferentes bagaxes, competencias e idades; a implicación da comunidade escolar, coa participación decidida das familias; a planificación de tarefas de carácter plurianual, as cales, coa debida orientación, van aguzando nos cativos a percepción da realidade; a posibilidade de levar a cabo proxectos conxuntos con outros centros escolares; a interdisciplinariedade, que abre a posibilidade de abranguer e enriquecer o tratamento da nosa realidade cultural dende a perspectiva de diversas áreas de coñecemento; a adopción e o respecto polo cumprimento dunhas normas científicas fixadas; o emprego das tecnoloxías da comunicación para pór ao día as valiosas mostras dunha rica tradición cultural; o rescate e a recuperación dun vizosísimo e milenario patrimonio inmaterial para a vida contemporánea. Velaí, pois, unha encomenda que, en cada escola, instituto... se debería transformar en gozoso deber.

Ademais está pendente de concreción a celebración, no noso territorio, do Festival Europeo de Xogos Populares. Abondando no dito, este mesmo ano, e de cara á fin do curso escolar, dende a directiva da asociación prevese levar a cabo un encontro de xogos tradicionais.

No mérito de Ponte... nas Ondas! está tamén promover a presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués diante da UNESCO. Para acadarmos que isto se chegue a facer realidade é imprescindíbel a participación consciente de todos.

A través da páxina da asociación (www.pontenasondas.org) establécese unha ligazón para poder apoiar masivamente esta empresa e, ao tempo, aguilloar os poderes públicos para que, dunha vez por todas, sen complexos, se poñan á fronte dun proceso imparábel que non ten volta atrás e cuxo obxectivo básico é o recoñecemento internacional e a promoción do patrimonio inmaterial común de Galiza e do N. de Portugal.

"É tempo agora de reclamarmos a vitalidade do espazo dunha auténtica rexión cultural europea, que está integrada por Galiza e o Norte de Portugal"

Co fin de visibilizar este proxecto, de turrar por esta nobre causa, xoga arestora un papel importante o libro disco Na Ponte —provisto dun CD e mais dun DVD—. Para aquelas entidades que, a día de hoxe, poidan e queiran investir en cultura —primeiro quitáronnos a agricultura e agora, os de sempre, quérennos quitar a cultura; cuestión de falta de cultivo propio, en ambos os casos—, dende a asociación organízanse moi xeitosos actos interactivos de posta en escena dos contidos deste produto. Que conta coa participación de artistas de fala irmá dos tres continentes, de docentes e, dende logo, de escolares. Quen estiver interesados só ten que se pór en contacto coa asociación e dende alí xa lle facilitan toda a información sobre a actuación, posibilidade de datas, etc.

É tempo agora de reclamarmos a vitalidade do espazo dunha auténtica rexión cultural europea, que está integrada por Galiza e o Norte de Portugal. No xa referido Na Ponte, o músico e locutor de radio —canle de comunicación que leva xogado tanta importancia neste proxecto— Xurxo Souto alude a unha afortunada declaración do cantante Tonhito de Poi na que este manifesta que o Miño lonxe de ser fronteira é a arteria que nos une. Esa é a clave de partida, na cal, grazas ao comprometido labor das xentes de Ponte... nas Ondas!, dende as escolas, se está a avanzar.

Cómpre, entón, que entre todos sexamos quen de ir creando un ruxerruxe que, de xeito progresivo, se encha de voces novas e de vida intelixente. Para iso é agora unha ferramenta especial a participación, dende o ámbito educativo, nas referidas propostas de Ponte... nas Ondas!, coma o VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego Portuguesa e mais a XIX Xornada Multimedia de Comunicación Interescolar.

As bases e outros moitos suxestivos contidos están no seu enderezo web. O prazo límite para a entrega dos traballos non remata ata o día 1 de xuño. Así que hai vagar, polo tanto, para, en colectivo, xogarmos un bo papel.

Comentarios