Opinión

O queixo e a revolución

No Alcampo de Coia, en Vigo, vexo como unha muller de cincuenta anos apaña do andel máis alto dous queixos enteiros García Baquero de ovella, curado e vello. Non elixe mal e quen saiba algo de queixo sabe que os bos queixos... canto máis grandes, mellor sabor teñen. Ese mesmo García Baquero cun tinto seco ben escollido é unha gloria no padal.


No Alcampo de Coia, en Vigo, vexo como unha muller de cincuenta anos apaña do andel máis alto dous queixos enteiros García Baquero de ovella, curado e vello. Non elixe mal e quen saiba algo de queixo sabe que os bos queixos... canto máis grandes, mellor sabor teñen. Ese mesmo García Baquero cun tinto seco ben escollido é unha gloria no padal. Cada peza daquelas tería uns tres quilos e medio, ao prezo que está esa marca eu calcúlolle arriba dos setenta euros, que xa é queixo e hai que ter xente na casa. Se o conto aquí é porque a muller non pousou os queixos na cesta, non tiña cesta. Meteunos directamente nun bolso branco de correa curta, do tamaño exacto para acoller as pezas e dun coiro tan groso que o contido non se evidenciaba desde fóra. Pendurou o bolso do ombro esquerdo de xeito que os queixos lle apoiaban no costado, cubriu o bolso co brazo, asiu a correa cos dedos e marchou da zona sen présa.

Eu estaba a medio metro pero ela actuou coma se non existise. Despois de coller o primeiro rolo e metelo no bolso, a muller ollou derredor e a súa ollada esvarou ausente sobre a miña figura, tocou a cara cos nervios e repetiu a maniobra. Eu tamén ollei derredor a ver se había alguén máis e vin que nese apartado dos lácteos estabamos oito ou dez persoas: ninguén parecía ter visto nada. Pensei se dicirlle algo, “señora, que a van ver”, “que se vai meter nun lío e non paga a pena”, “que hai cámaras por todas partes”, “vailles dar un disgusto aos da casa”... pero non dixen nada. Por suposto nunca a denunciaría, nunca denunciarei a ninguén que mangue en Alcampo e aplaudireille a quen o faga no Corte Inglés. Non escribira eu un relato “Plusvalía”, sobre unha moza que mangaba nas tendas para recuperar parte da riqueza que o capitalismo nos arrebata día a día? Que carallo ía denunciar! Que o aproveitase e que non tivese problemas de colesterol. Case lle envexaba a sensación de triunfo e o subidón de adrenalina ao abandonar a Superficie e ver que non era detectada. 

Fiquei tan descolocado que a partir de entón vaguei coma un fantasma sen mercar nada. Ollei os demais clientes a ver se tamén imitaban á señora e non vin que ninguén o fixese pero todos os movementos me parecían sospeitosos, coma se todas as persoas estivesen a recoñecer o terreo e a ensaiar a maniobra, a revisar os ángulos en busca de cámaras camufladas ou vixiantes de paisano, preparando o momento do golpe. En pouco tempo as grandes superficies e centros comerciais ían converterse en campos de batalla, a xente sen medios acudiría a elas a alimentarse e produciríanse ataques coordenados nos que ducias de persoas fuxirían coma foguetes cargados de mercadorías sen que os gardas xurados poidesen conter máis que a un ou dous. 

Cando a xente se ve sen medios e desesperada pode que non faga a Revolución, porque ve que a violencia do Estado os superaría. Pode que non atraquen un banco ou un furgón blindado, porque é difícil e hai que ter uns medios que, se os tivesen, non precisarían atracar nada. Pode que algúns se depriman e mesmo se colguen ou se prendan lume ao bonzo. Hai quen lle curtan a luz e aprende a vivir sen ela pero a maioría vai buscar o que precise á brava, empalmando un cable aquí e alá, deixando de pagar nas gasoliñeiras e as autoestradas, roubando nas tendas de alimentación, de roupa, de calzado, de móbiles... Sen esquecer os antollos: un xornal do quiosco, un coche para unha noite, un bolso para a comunión da nena, unhas Rayban para fardar, un asalto a un chalet. Sen xustiza social a revolución, polo libro ou sen xeito, consciente ou espontánea, abrirase paso. E os revolucionarios e revolucionarias nin siquera reivindicarán os seus actos, nin levarán armas nin estrelas na fronte, cun bolso de pel grosa forrado en papel Albal abonda.

Comentarios