Opinión

O que a lectura significa

Hai algún tempo, pasóuseme pola cabeza levar para a miña casa a meirande parte dos meus libros de nena, que fican nunha libraría de madeira detrás da porta do meu cuarto infantil, que meu pai pintou de verde e amarelo hai moitos, moitos anos; un desexo que, con moi bo criteiro, non me foi concedido. Permanecen aí boa parte da colección Merlín, aquelas edicións de Galaxia da serie "Árbore" (os verdes, os azulados, os laranxas...) toda a obra de Roald Dahl e outros clásicos memorables da literatura infantil e xuvenil de sempre, que meus pais foron mercando para min e que toda a familia disfrutamos. Lembro que miña nai me dixo, nesa ocasión, que non quería que levase os libros, que se desexaba ter Matilda na miña biblioteca, bo era que o mercase. E tamén, por suposto, que sempre podería coller emprestados tantos libros como me petase da súa casa.

Hai algún tempo, pasóuseme pola cabeza levar para a miña casa a meirande parte dos meus libros de nena, que fican nunha libraría de madeira detrás da porta do meu cuarto infantil, que meu pai pintou de verde e amarelo hai moitos, moitos anos; un desexo que, con moi bo criteiro, non me foi concedido. Permanecen aí boa parte da colección Merlín, aquelas edicións de Galaxia da serie "Árbore" (os verdes, os azulados, os laranxas...) toda a obra de Roald Dahl e outros clásicos memorables da literatura infantil e xuvenil de sempre, que meus pais foron mercando para min e que toda a familia disfrutamos. Lembro que miña nai me dixo, nesa ocasión, que non quería que levase os libros, que se desexaba ter Matilda na miña biblioteca, bo era que o mercase. E tamén, por suposto, que sempre podería coller emprestados tantos libros como me petase da súa casa.

Aqueles libros foron as lecturas máis importantes que, se cadra, fixen nunca, e supuxeron o contaxio dun virus, o da literatura, que non me abandonou máis. Foron tamén, e iso e o máis importante, libros que compartimos, que nos identifican como familia, que falan de nós. Mentres eu lía Matilda, tamén o lía miña nai, ao mesmo tempo ca min. Eu, a nena, na cama ás nove e media ata as once, cando tocaba apagar a luz. E mamá máis tarde, roubándoo da miña mesa de noite despois de cear, para ler ela no seu cuarto ata que o sono a vencía e devolvermo ao día seguinte. Foi o xeito natural de seguirmos partillando a lectura cando eu medrei, despois dos primeiros anos nos que precisaba que me lesen os contos (e que lecturas... coas voces graves do lobo, as mexeriqueiras dos nenos aparvados, as malvadas das bruxas, as lenes dos cabritos ou as tristeiras dese osiño pequeno a quen lle comeran as papas...)

"Aqueles libros foron as lecturas máis importantes que, se cadra, fixen nunca, e supuxeron o contaxio dun virus, o da literatura, que non me abandonou máis. Foron tamén, e iso e o máis importante, libros que compartimos, que nos identifican como familia, que falan de nós".

Esta estampa de familia deixounos momentos memorables con moitas obras inesquecíbeis: O misterio dos fillos de lúa, de Fina Casalderrey, as Cartas de inverno ou o Aire negro, de Agustín Fernández Paz, o Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo (que medo!) os Contos ao teléfono de Gianni Rodari, ou Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín (que divertido!). O mellor daqueles procesos, para alén da propia lectura íntima de cada unha de nós, eran as conversas, os "Por onde vas...?" os "Xa chegaches a cando...?" os "E cando descubre que o debuxo cambiaba, non tiveches medo?", os "E que pasará?", os "Eu creo que...", os "Xa naceron os gatiños...!" Así, no calor do fogar, sen que o soubese ninguén, eu fornecía o meu imaxinario lector e a miña nai o seu, con esa literatura que é a máis máxica e especial de todas, porque pode ser disfrutada por lectores de todas as idades. Moitas veces tamén se incorporaba meu pai á conversa, sobre todo cando eran libros que el xa lera moito tempo atrás, por exemplo cando foi d' A volta ao mundo en 80 días e outras novelas de Julio Verne. E cando miña irmá tamén se achegou á lectura autónoma, era divertido ter que calar nas conversas para non desvelarlle a intriga, porque ela, cinco anos máis nova ca min, lía ás veces o mesmo libro pero moito máis lentamente.

Despois, cando xa me fixen lectora de libros de adultos, seguiu acontecendo o mesmo. Lembro a emoción de Cien años de soledad, que meu pai lera cando era mozo, e que mamá e eu lemos ao mesmo tempo, cando eu tiña quince anos e ela corenta e un. As dúas tivemos a mesma sensación, paradoxalmente: "E como non lin esto antes?!, É fantástico!". E tamén o meu avó Manolo, excelente lector, opinou que Gabriel García Márquez era unha lectura excelente, igual que o fixo cando lle regalamos Festina lente, de Marcos Calveiro, e falamos de Santiago, da historia, do pasado. Porque a lectura, como o apelido, adoitan vir de arriba a abaixo polas liñas da árbore xenealóxica.

"Nunca abandonamos as obras da literatura infantil e xuvenil, porque a boa literatura que nos emocionou un día, de cote segue a facelo co paso do tempo".

Nunca abandonamos as obras da literatura infantil e xuvenil, porque a boa literatura que nos emocionou un día, de cote segue a facelo co paso do tempo. Así, os libros que foron importantes para min, resulta que tamén o eran para a adulta, non só por ter unha nena pequena na casa, senón porque ela disfrutou desas lecturas na súa propia pel. Iso é un agasallo imperdíbel para min, algo que me foi transmitido de xeito implícito: se mamá non quere desfacerse de Matilda é porque tamén para ela é un libro importante, un libro seu. E como lle acontece á meirande parte dos grandes lectores, é imposible deixar marchar un libro que amamos con forza. Querémolo canda nós sempre, para que sosteña a casa como o máis importante dos piares, como un muro de forza insustituíbel. É o descubrimento de que a  literatura infantil e xuvenil non é literatura para nenos e mozos senón que é, máis que ningunha outra cousa, Literatura.

Na tarde de onte, cando recibín a chamada de miña nai dicíndome que estaba a rematar Faneca brava, de Manuel Portas, que eu lle emprestara a semana pasada, e que nos encantou a ambas, tiven a sensación de capturar a esencia, a maxia da experiencia lectora. Os libros non aíllan, unen ás persoas cos lazos máis fortes de todos cantos hai, eses que se constrúen cos tecidos do que somos, do que queremos ser, do que sempre seremos. Comprendín por que mamá non quere que leve os meus libros da casa. Prefire que siga compartíndoos con ela alí, onde estiveron un día, que non roube os andeis dos libros, que nunca fiquen baleiros e, se cadra, que na miña biblioteca eu constrúa tamén uns andeis semellantes que compartir cos meus fillos. 

Por iso mercarei Matilda, agradecida para sempre por ese agasallo da lectura e porque meus pais investisen en biblioteca moito máis que en berces ou xoguetes de pilas (que tamén...). Porque sei que o que quixeron foi investir en futuro, en vida, en visións do mundo, en amor, en lingua, en fíos de unión, en ideas. Investiron na nena que lía aqueles libros soñando, sen saber que o soñaba, con chegar a ser, algún día, escritora. Porque, dalgún xeito, eran conscientes de que a literatura é o único capaz de convencernos de que os soños, ás veces, si que se cumpren. E iso é o que a lectura significa.