Opinión

O proxecto de Feijoo: a intrancendencia total de Galiza

Durante tres anos os problemas de Galiza foron intrascendentes en Madrid e Bruselas, só así se explica a situación de sectores estratéxicos para Galiza, dende o naval ata o sector financeiro.

Durante tres anos os problemas de Galiza foron intrascendentes en Madrid e Bruselas, só así se explica a situación de sectores estratéxicos para Galiza, dende o naval ata o sector financeiro. Agora mentres o debate político está centrado en gran parte sobre a reclamación de independencia por parte da cidadanía catala, Feijoo presentase para conseguir outros catro anos (ou tres si lle convén) propoñendo a “intrascendencia” total para Galiza.

Por primeira vez en tres anos, fálase de Galiza nos medios de comunicación estatal, é que estamos en campaña electoral. Curiosamente os problemas que vive día a día a xente do noso país non saen nos medios e polo tanto non existen e non se procura darlle solución.

Imaxina alguén que Madrid tivera mar e que alí se fabricasen barcos? O tax lease enchería portadas e debates e sendo un problema de Estado estaría solucionado. Aquí 20.000 traballadores/as están no paro e non pasa nada.

O rescate bancario tivo un obxectivo prioritario e case único, salvar Bankia, o banco madrileño do PP, coa escusa de que é sistémico para o Estado Español. Para Galiza é sistémica novagalicia banco i está condenada ao que eufemisticamente denominan “resolución ordenada”. Previamente sufriu unha desvalorización coa decisión tomada en Madrid de implantar o “corraliño” da débeda subordinada.

Outro tanto sucede coa pesca, en Madrid non hai peixe nin no Manzanares. De aí que acordos coma o recente con Mauritania, importen pouco na vila e corte, a pesca non é un problema de Estado. Ademais coma van a presionar polo sector pesqueiro si por outro lado teñen que pedir diñeiro para Bankia?.

O mesmo sucede coa conserva, con todos os respectos que lle importa a un habitante de Leganes si os mexillóns son galegos ou chineses?. A conserva é un problema para Galiza con grave impacto sobre o emprego, pero non é un problema de Estado.

Dende a chegada do PP a tauromaquia é noticia diaria, claro que é un símbolo da cultura “nacional” e hai que impulsala.

Aquí a primeira medida do PP foi atacar o noso maior sinal de identidade: o noso idioma. Continuou cun teimudo proceso de destrución do tecido cultural. As empresas asociadas a nosa cultura pecharon unha tras outra descapitalizándonos culturalmente. Que importa, a cultura galega non é un problema de Estado.

Feijoo o fixo mal, rematadamente mal, pero como pode exercer de Presidente dun país no que non acredita e no que non ten pensado quedarse? El ten o corazón e o cerebro en Madrid, para os que son coma el ser galego é un accidente doadamente subsanable.

Pero mais ala dos “Feijoos” o problema dos galegos e galegas é que os nosos problemas non son de ámbito Estatal. É por iso que precisamos un Estado Galego, dotándonos de voz propia en Europa si así o queremos. Ou independencia ou “intrascendencia” é aí a cuestión.