Opinión

O Premio Cervantes e Manuel Fraga

É asombrosa a facilidade que ten o poder establecido para manipular as cousas. O Parlamento Galego declaraba 2012 como o Ano Celso Emilio Ferreiro, mais a Xunta de Galicia non difundía que foi unha vítima da ditadura e cando se difunde a súa obra non aparecen os seus poemas máis comprometidos e de denuncia do ditador Franco: A Paco del Pardo, Pax franquista, Ante un retrato, Al César enano etc.

Repítese agora a mesma historia coa concesión a José Manuel Caballero Bonald do Premio Cervantes, que recolle o 23 de abril, Día do Libro, no Paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares.

Nas crónicas oficiais non se vai falar estes días da traxectoria de Caballero Bonald como loitador pola xustiza e contra a ditadura franquista. Na ditadura non se podía escribir en liberdade e había censura e autocensura. Vivir para contarlo foi unha das súas obras máis censurada, presentada en 1969, xa coa Lei de Prensa de Manuel Fraga. Dicía o informe do censor: “Libro de versos de métrica y temática variada. Tiene una constante desagradable en todos los poemas. Unos tratan los temas sociales y otros los políticos. En toda la obra se nota un cierto simbolismo en los poemas, y en el mismo título de la obra. Los esfuerzos para no mentir los realiza el autor usando simbolismos, en los que vierte un sentido progresista y antirégimen. Deben ser suprimidos los párrafos y poemas señalados en las páginas y con estas supresiones es publicable”

"Caballero Bonald, como outros moitos escritores, non calou e denunciou publicamente a figura de Fraga"

No poema El registro recolle o clima de terror da época e os métodos represivos utilizados pola ditadura. O escritor contaba así a persecución política a que estaba sometido: “Mi nombre está tachado con el lápiz rojo de la censura”. “Hubo una maniobra para condenarme al ostracismo. No se me podía citar, los cantantes que cantaban poemas míos eran censurados. Fue una época muy dura, sobre todo, en los años sesenta”.

Caballero Bonald, como outros moitos escritores, non calou e denunciou publicamente a figura de Fraga, que non ten nada que ver coa biografía oficial, que o sitúa como demócrata de toda a vida e pai da Constitución: “Se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo. Resulta alarmante ese casi generalizado encumbramiento del personaje a la hora de su muerte. Se ha ensalzado su papel conciliador en la Transición y su particular patriotismo. Es cierto que aprovechó cierta deriva de la democracia para seguir presente con absoluta impunidad en la vida política. Pero ¿se arrepintió algún a vez de sus desmanes pasados, reconoció alguna vez su execrable connivencia con el franquismo?”.

"Ante esta actitude dos Gobernos e da xustiza española, quédanos a esperanza da xustiza arxentina, que ten aberto un proceso para xulgar, entre outros, os ministros de Franco, como responsábeis de crimes contra a humanidade".

A ONU definía a ditadura franquista como un réxime criminal, mais os gobernos do Estado español, antes do PSOE e agora do PP, negáronse sempre a firmar a Convención da ONU que declara que eses crimes non prescriben. Por outra banda, néganse a derrogar a Lei de Amnistía de 1977 que, na práctica, é unha lei que ampara a impunidade dos criminais.

Ante esta actitude dos Gobernos e da xustiza española, quédanos a esperanza da xustiza arxentina, que ten aberto un proceso para xulgar, entre outros, os ministros de Franco, como responsábeis de crimes contra a humanidade. Fraga non poderá comparecer porque xa morreu, mais podería estar mencionado, ao mesmo nivel que o resto de ministros. Este xuízo sería, sen dúbida, un acto de xustiza e reparación, que sería moi ben recibido por todos os demócratas e polas vítimas da represión franquista. 
      

Manuel Monge é Ex-presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007)

Comentarios