Opinión

O PP e a xeración roubada

Un ministro, actual, do goberno do sr. Rajoy, de apelido Wert, manifestou en sede parlamentar que o obxectivo do seu ministerio é españolizar Cataluña, e non dixo Galiza porque aquí ten delegados rexos que fan moi ben o seu traballo.

Un ministro, actual, do goberno do sr. Rajoy, de apelido Wert, manifestou en sede parlamentar que o obxectivo do seu ministerio é españolizar Cataluña, e non dixo Galiza porque aquí ten delegados rexos que fan moi ben o seu traballo.

Nos comezos dos século XX o goberno de Australia decretou a separación forzosa das súas familias e da súa comunidade das crianzas mestizas, levándoas fóra da súa contorna para as escolarizar. Certamente, o estado pagou esa escolarización e a cambio os mestizos recibiron castigos e abusos, mais non formación que lles servise para a integración social. A idea respondía ao suposto de que, educados no mundo dos brancos, os nenos prosperarían deixando atrás a idea de atraso da súa lingua e da súa cultura. Isto rompeu familias e desfixo comunidades enteiras e os nenos foron, finalmente, educados para seren criados dos brancos. Tal opresión só pretendía arrebatar lingua, identidade e autoestima aos nativos que, cando finalmente se reencontraron coas súas familias, non podían comunicarse con elas por non coñeceren o idioma. En Australia desapareceron o 95 % das linguas existentes á chegada dos brancos.

A comezos do século XXI, un ex-ministro do goberno do sr. Aznar, de apelidos Mayor Oreja, manifestou sentirse orgulloso do seu bisavó por ter prohibido falar éuscaro na casa. O tal señor fixo ese “esforzo”, cualificado por Oreja como propio de mentes abertas, – en contraste coa mente “cerrada” de Sabino Arana, a quen cita como coetáneo e amigo do seu bisavó- para que os seus fillos falasen ben español. Insistiu, ademais, en que o que hai que facer é defender o español para que este se converta en lingua vehicular na UE, xuntamente co inglés. Máis unha vez a lingua como instrumento do imperio e a ignorancia como complemento.

Mais Galiza non é Australia, por máis que o eucalipto abunde, nin os modelos familiares da Galiza do século XXI son os mesmos que os do século XIX na casa dos antepasados de Mayor Oreja. Non podendo, pois, prohibir o seu uso no seo familiar, a non ser que a nova alianza coa igrexa católica camiñe polos carreiros da excomuñón, o PP acode ao ámbito público e aí temos os seus dirixentes convertidos en sociolingüistas de ocasión ou de profesión, tanto dá, recitando a teoría do disparate da imposición, da falta de liberdade; e o ministro Wert metido a ilustrar as masas aclarando cal é a diferenza entre materias troncais e materias instrumentais, preso dun patriotismo exemplarizante estudado nos Decretos de Nueva Planta de Felipe V. Troncais -di o ministro- son aquelas materias de obrigado estudo en todo o estado, en función non da súa instrumentalidade mais si de que é o estado o que fixa o currículo e vixía que se siga. O galego nunca pode ser troncal, di, porque non se fala en toda “España” . Iso si, se nos portamos ben pode dar instrucións para que se trate en igualdade co castelán. Feijóo pasa por ser hoxe en día un dos ideólogos do PP. E presume de que as medidas que el impulsou son agora tomadas en consideración polo goberno de Madrid, incluídas as que os tribunais de xustiza declaran non axustadas á lei.

Nun texto do PPdeG pódese ler que: ” cada vez máis pais demandan maior liberdade na elección da educación que queren para os seus fillos: elección de centro, de relixión, de ideario, de lingua… A administración, sempre tendo en consideración a necesaria homoxeneidade do sistema que garante a cohesión social, pode contribuír a incrementar as garantías da libre elección do tipo de educación, e inspirará a política de concertos educativos e de relación cos centros privados, en función da demanda das familias”

Segundo isto, trataríase de facilitar que os centros privados suxeitos a concerto poidan incluír no seu “ideario” un perfil lingüístico para que os pais elixan” libremente” o tipo de educación, evitando deste xeito situacións de ilegalidade que os podería levar á perda dos concertos educativos. Todo arranxado, as familias demandan ensino en español, a administración “incrementa as garantías” de libre elección do tipo de educación, os centros privados poden garantir os desexos das familias e, de paso, incrementar o seu peso no sistema educativo. E lucrarse máis. Sen dúbida é unha boa baza. Dunha vez por todas acaban de privatizar o sistema, a parte do sistema que é rendíbel, e matan dous paxaros dun só tiro, eliminando o problema do ensino público e o do galego. Claro que logo a historia non funciona así, nin en Australia, nin aquí. E unha boa baza non abonda para gañar a partida.