Opinión

O peso do fume

Quen lle ía dicir en 1990 ao ecoloxismo galego, cando facía campaña contra a aprobación do Plan Forestal do PP de Fraga, que 23 anos despois, o mesmo partido político lograría aprobar no parlamento galego, co apoio de parlamentarios nacionalistas, unha proposta que impulsaría novamente a eucaliptización dos nosos montes. Pois nesas andamos. E dada a gravidade dos feitos, a cuestión precisa dun pequeno relatório da história.

Ao longo do final dos anos 90 e ao princípio deste século, deuse en falar das bondades da biomasa forestal residual, é dicir, as cascas e ramallos que sobran despois dunha corta forestal. Investigacións e ocorréncias várias deran en descobrir que ese material era posíbel aproveita-lo para múltiples procesos, todos eles cunha finalidade común, a obtención de enerxía (calorífica ou eléctrica). Numerosos proxectos botaron-se a andar para valorar a potencialidade dos restos dos aproveitamentos forestais, principalmente de eucaliptos.  A palabra “biomasa” pasou a estar de moda nos círculos e elites forestalistas onde se deseñan as estratéxias de negócio. A biomasa para centrais eléctricas, a biomasa para a calefacción, a biomasa para os biocombustíbeis...

Niso chegaron as “pellets”, as calefaccións a “pellets” e as “pelletizadoras”, ou máquinas capaces de fabricar “pellets” a partir da broza do monte e dos resíduos de cortas, rareos e podas. Qué mellor para controlar o crecimento das matogueiras dos nosos montes que introducir no mercado un produto que, para a sua fabricación, necesita precisamente do desbroce de grandes extensións de mato improdutivo e altamente combustíbel. Qué mellor para aproveitar eses sobrantes das cortas de eucaliptos, as cascas e ramallos que inzan o monte despois das cortas, que supoñen un enorme risco de incéndio.

"Coa excusa de impulsar as calefaccións de pellets, temos ás portas as centrais de biomasa que funcionan a partir de cultivos enerxéticos: plantíos de eucalipto a alta densidade que se cortan aos 4 ou 6 anos para queimar nesas centrais"

E como se dun cabalo de Troia se tratase, o conceito “pellet” pasou a formar parte do vocabulário dos novos ecoloxistas, aqueles que nas luitas do presente non precisan das batallas do pasado. Mentres tanto, os que verdadeiramente se ían beneficiar do telderete da biomasa, achandaron o tortuoso camiño legal para alcanzar realmente o seu obxectivo. E este non era outro que lograr, através da aprobación por lei, a aplicación dunhas obrigas fiscais ás comunidades de montes absolutamente desproporcionadas, negando as virtualidades deste sistema comunal de propriedade. En definitiva, grava-las a impostos como se fosen explotacións forestais profisionais.

Con estas condicións, numerosas comunidades de montes, debilitadas económica, social e demográficamente, só lles resta caer nos brazos das Sociedades de Fomento Forestal, (Sofor) contempladas na nova lei de montes que especifica tamén esa nova fiscalidade. Unhas sociedades que maioritariamente estarán controladas polo oligopólio da desintegración da madeira (Ence, nomeadamente), que entre outros obxectivos, procurarán o plantío de grandes superfícies para garantir o subministro das novas plantas de biomasa, esas que alguns coitados pensan que se han fornecer coa biomasa forestal residual e que, curiosamente, estarán controladas polo mesmo oligopólio.

Asi que, entre outras, coa excusa de impulsar as calefaccións de pellets, temos ás portas as centrais de biomasa que funcionan a partir de cultivos enerxéticos: plantíos de eucalipto a alta densidade que se cortan aos 4 ou 6 anos para queimar nesas centrais. Un novo factor de distorsión no panorama forestal autóctono.

Pois, como dicía ao princípio, o despropósito materializouse o pasado dia 14 de marzo, cando unha fracción nacionalista votou a favor dunha proposta do PP para impulsar o uso da biomasa como fonte de enerxía, despois de que o partido do goberno aceptase unha enmenda do primeiro grupo na que se mencionaba o uso da biomasa para calefacción e produción enerxética.

23 anos despois, temos que calar cando un novo grupo nacionalista, que se di ecoloxista, vota co PP a favor dunha outra vaga eucaliptizadora do noso país?