Opinión

O pequeno comercio afunde, o comercio de luxo aumenta

O pequeno comercio xa coñeceu mellores tempos. Coa aparición das medias e grandes superficies, a súa situación ten vindo a empeorar de día para día. Moitas tendas están a fechar, aumentando á súa vez o desemprego e diminuíndo o poder de compra. Para o pequeno comercio, para o comercio de proximidade, este 2012 está a ser o ano máis duro desde que comezou a crise.

O pequeno comercio xa coñeceu mellores tempos. Coa aparición das medias e grandes superficies, a súa situación ten vindo a empeorar de día para día. Moitas tendas están a fechar, aumentando á súa vez o desemprego e diminuíndo o poder de compra. Para o pequeno comercio, para o comercio de proximidade, este 2012 está a ser o ano máis duro desde que comezou a crise. Non só pola situación financeira presente senón pola acumulada, que non dá respiro. Á suba do IVA que grava os produtos, acrecéntase a falta de crédito e a perda de poder adquisitivo por parte dos consumidores, circunstancia que inevitabelmente leva á caída de consumo. Os últimos anos revelan pouco desenvolvemento no pequeno comercio. O consumo está a ras de chan. O proliferamento das grandes superficies, a falta de crédito, o desemprego e a falta de poder de compra, son os factores máis apuntados para xustificar esta situación.

Nos últimos meses a noticia tense repetido: tamén as tendas históricas de cidades e vilas, algunhas centenarias, están a fechar portas. Emblemáticos nos centros das cidades ou con menor prestancia nos arrabaldes, tamén os establecementos máis antigos botan o pecho, cedendo ao peso da crise. As vendas do sector teñen quebras a roldar a insustentabilidade do negocio.

Por calquera rúa, multiplícanse tendas con reixas corridas até baixo, escaparates espidos e empoeirados, correspondencia acumulada por baixo da porta, letreiros con “véndese ou alúgase”.

A crise e a austeridade trouxeron máis impostos, electricidade e combustíbeis máis caros e cortes no rendemento dispoñíbel; o desemprego e a redución do consumo móstranse como principais motivos dos peches.

En contraste co que está a acontecer co pequeno comercio, o sector do alto comercio e do luxo non coñece a crise que nos está a arrasar. Non só é que non se vexan afectados, senón que mesmo estas empresas de luxo experimentaron o ano pasado un importante incremento dos seus ingresos, especialmente as grandes marcas de moda, complementos, beleza, xoiaría, alimentación, cosmética e hostalaría e segundo as previsións fecharán, as tendas do estado, o exercicio 2012 cunha facturación de case 5.000 millóns de euros, un incremento do 14% respecto ao ano pasado.

O pequeno comercio afunde, o comercio de luxo aumenta nunha simetría perfecta coa situación social derivada da aplicación de medidas políticas e económicas que están a conseguir que unha de cada catro persoas na Galiza se vexa inmersa na pobreza. Hoxe un vinte por cento da poboación é máis rica do que era e un oitenta por cento é máis pobre. A ostentación e o luxo permiten exteriorizar as diferenzas, a nova xerarquía social.

E neste contexto, o control da economía galega por parte do capital foráneo continúa. Á venda de R ou á absorción do Pastor súmase agora a da empresa Azkar, a primeira empresa de transportes do estado, comprada pola alemá Dachser. Antes foi Fenosa e virán outras, a próxima seguramente Nova Caixa Galicia. O desmantelamento do noso sistema produtivo e da nosa base financeira parecen non ter fin.

Mentres isto acontece o goberno galego faise cómplice necesario, aplaudindo os recursos do goberno do estado perante o Tribunal Constitucional contra aquelas administracións -na Galiza os concellos do BNG- que, xustamente por perseguiren sustentar a demanda e dar un balón de osíxeno ao pequeno e mediano comercio, se mostran insubmisas perante a supresión da paga extra ou, por poñer un exemplo en que a Xunta ten competencias, tomar medidas para pór límite á instalación de novas superficies. Razóns haberá.

Comentarios