Opinión

O País dos Papalibros (sobre os V Encontros de Clubs de Lectura)

Viñeron desde Melide e Poio, desde Lousame e Neda, desde Vigo e A Coruña, desde Vilagarcía e Noia, desde Rois e Sanxenxo.Viñeron cedo en tren, coche ou autobús, coas mochilas ateigadas de marcapáxinas e un sorriso adurmiñado nos beizos.   Adolescentes galegos do século XXI: múltiples, contraditorios, entusiastas.

Viñeron desde Melide e Poio, desde Lousame e Neda, desde Vigo e A Coruña, desde Vilagarcía e Noia, desde Rois e Sanxenxo.

Viñeron cedo en tren, coche ou autobús, coas mochilas ateigadas de marcapáxinas e un sorriso adurmiñado nos beizos.

Adolescentes galegos do século XXI: múltiples, contraditorios, entusiastas.

Viñeron desde as súas bibliotecas escolares, desde os seus clubs de lectura, e tomaron pacificamente o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela durante unha xornada enteira. Armados ata os dentes con centos de experiencias compartidas arredor dunha novela, dun relato, dun verso se cadra.

Viñeron acompañados por esas profesoras e profesores que, máis alá de horarios oficiais e currículos académicos, constrúen espazos lectores, lugares máxicos onde aínda se poden mancomunar a imaxinación e o coñecemento a través do diálogo coa literatura.

Trouxeron revistas e conversas, viaxes e xantares, dúbidas e debates. Tamén un feixe de libros que os están a iluminar por dentro, de vagariño, case sen se dar de conta. E, sobre todo, trouxeron unhas ganas contaxiosas de seguir papando letras, de converteren a lectura na chave mestra de todas as portas, aquela que lles permite voaren máis alto e lonxe, evitando o fatalismo da ignorancia.

E a ninguén deste exército do País dos Papalibros, un sábado nove de xuño de 2012, lle importou nin o índice da prima de risco nin os resultados da selección de fútbol na Eurocopa. Por iso, con discurso firme e enorme naturalidade, tomaron a tribuna: e ofrecéronlles unha lección de sabiduría a todos eses seres adultos que só coñecen o folletín deportivo do Marca ou o melodrama bolsista de Wall Street.

Porque eles e, sobre todo elas, papalibros voraces, están a descubrir por si mesmas como a lectura lles concede unha oportunidade de vivir máis alá, de multiplicar as experiencias ata o infinito e, no peor dos casos, de procurar alternativas cando o porvir arregaña os dentes con acenos ameazadores.


E a esperanza, como unha semente diminuta e delicada, viaxa escrita nos seus rostros.

E se gardan curiosidade por coñecelos, andan de paseo por este parque: http://lerenmancomun.blogspot.com.es/

Beizóns para todos os habitantes do País dos Papalibros.

Comentarios